O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, acusou a Xunta de atrasar as obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) e urxiulle a remisión do proxecto para que o Concello o poida someter a información pública.
En rolda de prensa, o rexedor olívico lamentou que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, “perda o tempo” en remitir unha carta ao Consistorio para coñecer se se optará pola lei de obras de urxencia ou exepcional interese ou pola ordenación provisional para executar a actuación.
Así, Abel Caballero, que incidiu en que aínda non recibiu a misiva, destacou que o Padroado do Ifevi acordou en decembro optar pola primeira, a lei 3/2016, e detallou que a decisión do Concello “se ten que manifestar cando se lle envíe o proxecto”.
Nese sentido, lamentou que aínda non se remitise esta documentación a pesar de que o Goberno galego dispón dela “desde o día 9” de xaneiro e comprometeuse a que o Concello resolverá a súa tramitación “nun día” cando a reciba.
Por este motivo, concluíu que, se a obra se tivese que executar en Santiago ou A Coruña, “xa estaría feita” e acusou á Xunta de apoiar a Seafood de Barcelona en lugar da feira Conxemar de Vigo, cuxos organizadores defenderon a necesidade de ampliar o espazo do Ifevi para acoller máis expositores.
Ademais, advertiu de que tentará falar con representantes de Conxemar, cuxa dirección se reúne este mércores, para trasladarlles esta situación.