A Fiscalía pide penas que suman 27 anos de prisión para seis acusados, tres deles gardas civís destinados no porto de Marín, como presuntos autores dun delito continuado de falsidade documental, en relación cun delito continuado de contrabando de tabaco.
Os seis procesados serán xulgados a semana do 13 ao 17 de xaneiro na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo. Segundo o escrito de acusación pública, J.C.G.C., J.J.T.C. e E.E.T.B. traballaban en dúas empresas dedicadas ao avituallamento de buques e que, por tanto, dispuñan dun depósito fiscal na Zona Franca de Vigo.
Estes acusados tramitaban o avituallamento de, entre outras cousas, tabaco para o consumo dos tripulantes dos barcos e, aproveitando esa circunstancia, en colaboración cos gardas civís J.V.B., F.R.R. e A.B.P., articularon un plan para poder dispor do tabaco e polo en circulación fóra das canles legais.
Para iso falsificaron documentación co fin de finxir operacións de avituallamento que non eran reais a buques que, nuns casos nin sequera estaban no porto de Marín e, noutros, xa foran despezados.
MÁIS DE 300 OPERACIÓNS E TABACO VALORADO EN 2,2 MILLÓNS
Con este ‘modus operandi’, falsearon entre 2010 e 2011 máis de 300 operacións de avituallamento, e dispuxeron de máis de 51.700 cartóns de tabaco, valorados nuns 2,2 millóns de euros. Así, os acusados eludiron dereitos arancelarios por valor de 5.631 euros, e defraudaron 1,4 millóns de euros dos impostos aos labores do tabaco, así como outros 354.000 euros en concepto de IVE.
Por estes feitos, a Fiscalía acusa a J.C.G.C., J.J.T.C. e E.E.T.B. dun delito continuado de falsidade en documento oficial, en relación cun delito continuado de contrabando de tabaco. Para cada un deles pide 4 anos de prisión e o pago dunha multa de 5 millóns de euros.
No caso dos gardas civís, atribúelles un delito continuado de falsidade documental labor por funcionario público, en relación cun delito continuado de contrabando de tabaco, e pide que cada un sexa condenado a 5 anos de cárcere, e ao pago dunha multa de 7.560 euros.
Ademais, pide que todos os acusados indemnicen solidariamente á Axencia tributaria en cantidades que suman 1,77 millóns de euros.