Ritz Carlton, a través da sociedade Cruise Yatch Upper Holdco Limited, confirmou o acordo co accionista maioritario de Hijos de J. Barreras, PMI (filial da petroleira mexicana PEMEX e que ten un 51 por cento das accións) e con outro dos accionistas, o grupo Albacora (que ostenta o 24,5 por cento dos títulos) para tomar o control do estaleiro vigués.
Así o trasladou a través dun comunicado, no que ratifica un acordo que xa fora avanzado fai algo máis dunha semana e no que se confirma que terá o control da empresa co respaldo do 75 por cento da propiedade, aínda que non se concreta se ese acordo contempla a compra de accións ou a inxección de capital (diversas fontes sinalaron que Ritz Carlton estaría disposto a cubrir o sobrecusto do cruceiro, entre 50 e 60 millóns de euros).
No comunicado, Ritz Carlton sinala que este pacto “resolve a actual situación de Hijos de J. Barreras e permite que recomience o futuro do estaleiro”. Así mesmo, indica que o seu equipo e os equipos de PMI e Albacora están agora “traballando na elaboración dos documentos legais necesarios para o desenvolvemento do devandito principio de acordo”.
Ademais, Ritz Carlton fai un chamamento tamén a “quen ata este momento decidisen non participar nesta solución”, é dicir, fundamentalmente ao outro accionista, que é o cesado presidente José García. Así, trasladou a mensaxe de que “aínda ten a porta aberta para facelo no futuro”.
“ASEGURAR A FINALIZACIÓN” DO CRUCEIRO
No seu comunicado, Ritz Carlton tamén confirma que haberá un “nomeamento temporal de equipos externos e experimentados” que traballarán en favor da continuidade do estaleiro. A este novo equipo, “incluídos os administradores”, encomendaráselles “asegurar a finalización do Evrima”, o cruceiro de luxo que Barreras está a construír para The Ritz Carlton Yatch Collection.
“Tamén sentarán as bases para que Hijos de J. Barreras poida conseguir negocios novos e rendibles no futuro”, engadiron desde a armadora, aínda que non concretaron en que situación quedan os contratos de Havila e grupo Armas.
AS AUXILIARES BENDÍN O ACORDO
As empresas auxiliares acredoras de HiJos de J. Barreras, agrupadas na sociedade Uninaval, expresaron este luns a súa “satisfacción” polo acordo que permitirá que Ritz Carlton tome o control do estaleiro, e reiteraron o seu ofrecemento de “formar parte da solución” e entrar na empresa mediante a adquisición de capital.
Así o trasladou o portavoz destas empresas e secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, quen indicou que o acordo entre Ritz Carlton, PMI (filial de PEMEX e accionista maioritaria de Barreiras) e o grupo Albacora (que ten outro 24,5 por cento dos títulos) é “unha solución agradable” e “a máis viable” na actual situación do estaleiro, que está en fase preconcursal e solicitou a disolución xudicial da sociedade.
Mallón lembrou que Uninaval ofreceuse no seu día a ser parte activa na solución á crise do estaleiro, mostrando a súa disposición a tomar o control mediante a cesión de dereitos políticos ou entrando no accionariado, e subliñou que ese “compromiso” segue “vixente”.
A ese respecto, sinalou que se manterán á expectativa, para coñecer como se articula o acordo, e incidiu en que “hai que dar entrada a novos accionistas ou, polo menos, ao capital, porque sen fondos non se pode garantir a carga de traballo”.
“SALVAR” TODA A CARGA DE TRABALLO
O portavoz das auxiliares sinalou que o acordo anunciado por Ritz Carlton é “un primeiro ‘match ball'” para garantir a finalización do cruceiro encargado pola cadea hoteleira e quizá algunhas outras unidades, pero subliñou que Uninaval segue defendendo a necesidade de “salvar” toda a carga de traballo do estaleiro.
Finalmente, recalcou o “compromiso” destas empresas para “volver ao traballo”, aínda que matizou, debe ser “cobrando os créditos atrasados ou, polo menos, garantíndoos” para “poder traballar con tranquilidade”.
COMITÉ DE EMPRESA
Pola súa banda, nunha concentración de traballadores ás portas do estaleiro, o presidente do comité de Barreras, Sergio Gálvez (UGT), valorou con cautela o acordo anunciado por Ritz Carlton, e avogou por “esperar” a que a empresa lles comunique oficialmente como está a situación e o plan de negocio que pretenden levar a cabo.
Segundo recalcou Gálvez, manter a carga de traballo “é fundamental”, e fixo referencia aos proxectos de Havila e Armas, porque “xa non é só un tema de prestixio, senón do traballo que darán” por centos de operarios. Así mesmo, engadiu que manter eses proxectos axudaría a tratar de “rebaixar” a débeda por posibles cancelacións.
A XUNTA DE GALICIA
A Xunta de Galicia reclamou “transparencia” aos accionistas do estaleiro Barreras despois de que se confirmou o acordo. “Necesitamos que tanto os accionistas como Ritz Carlton sexan transparentes na xestión deste conflito, e que se traslade a información con claridade. Non coñecemos ningún dato sobre a situación do estaleiro, nin sobre o contido da auditoría acerca de cada proxecto, nin o alcande real dos diferentes acordos que se están adoptando”, lamentou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, en declaracións aos medios en Pontevedra.
O conselleiro insistiu en que “a Xunta ten claro que só hai un camiño para garantir a viabilidade” do estaleiro a longo prazo, e dito camiño “debe concretarse na carga de traballo actualmente contratada”.
O conselleiro pediu saber se Ritz Carlton “vai desenvolver a carga de traballo, asumir o compromiso dun segundo e terceiro cruceiro, e a carga de Havila e o grupo Armas”. “Sen esa información, a Xunta non pode facer unha valoración”, resolveu Francisco Conde.
Segundo reiterou, o goberno galego “seguirá traballando”, da man de Cesce, Pymar e do goberno central, para “identificar unha solución de futuro” para o estaleiro vigués pero, engadiu, é necesario “que os accionistas asuman a súa responsabilidade, que sexan transparentes coa información e que os acordos se transmitan con claridade para saber se hai solución a longo prazo”. “A Xunta só está orientada a dar unha resposta a longo prazo para o estaleiro, os traballadores e a industria auxiliar”, sentenciou.