A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena dun ano e sete meses de cárcere, como autores dun delito contra os dereitos dos traballadores, a cada un do sete membros dun clan luso-español que explotaba a compatriotas portugueses.
O tribunal, do mesmo xeito que a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, considerou acreditado que os traballadores realizaban para os condenados (F.S.M., C.A.B., F.M.A., J.J.P.B., M.A.A., M.N.A.A. e E.H.R.) reparacións de palés de madeira que logo vendían a empresas.
As xornadas laborais eran “ao aire libre, desde as 08,00 ou 09,00 horas da mañá, ata mesmo a caída do sol, sen iluminación nin descanso semanal“, polas que recibían “unhas remuneracións mínimas semanais”.
A sentenza ratificada polo alto tribunal galego tamén lles impón a suspensión de dedicarse á actividade da madeira polo período de dous anos.
“É evidente que por moi rudimentario que sexa o formato elixido, era o válido e adecuado para xerar, nesa ordenación de medios de produción, un beneficio económico a cambio de outorgar aos traballadores unhas condicións de vida míseras, en medios, protección e retribución”, indicou o TSXG no fallo.
FEITOS
Tal como explicaba o escrito de acusación pública, que pedía ata 18 anos de cárcere, os condenados empregaron a varios traballadores lusos, que estaban en situación de vulnerabilidade e mesmo na indixencia no seu país, e explotábanos con xornadas de traballo de máis de 10 horas, durante seis días á semana, sen vacacións, e cun salario de entre 20 e 35 euros á semana.
Os traballadores explotados non dispuñan de ferramentas nin maquinaria adecuada para facer o seu traballo, eran acomodados en caravanas ou camións abandonados, non recibían atención sanitaria nin equipamento de seguridade. Tampouco se lles proporcionou formación, nin se lles deu de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos e os acusados retíñanlles a súa documentación.
Estes operarios desenvolvían o seu labor ao aire libre, en zonas que carecían de orde e hixiene, polo que se puxo “en grave risco a súa integridade física e saúde”, segundo sostén a Fiscalía que, de feito, apunta que unha das vítimas sufriu a amputación dunha falanxe cando manipulaba unha serra.