O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou este martes a necesidade de apostar pola innovación e o emprendemento para ser máis competitivos, polo que subliñou que o camiño a seguir é o de mellorar “cualitativamente” os postos de traballo.
Así o sinalou nun almorzo empresarial organizado pola Asociación de Novos Empresarios AJE-Vigo, onde Regades tamén indicou que a internacionalización das empresas viguesas e galegas permite “diversificar o risco” para ser “máis resistentes” a unha crise.
Noutra orde de cousas, remarcou o traballo que realiza a Zona Franca para achegar chan industrial e equipamento ás compañías, polo que, segundo as súas cifras, a produtividade das firmas que se atopan na Zona Franca é un 20% superior.
Pola súa banda, a directiva de AJE-Vigo anunciou que o próximo 28 de novembro ás 20,00 horas celebraranse os Premios AJE na sede social de Afundación, que serán os “mellores e maiores” galardóns que deu AJE-Vigo “na súa historia”.