InicioEconomíaO tráfico total do Porto de Vigo increméntase un 5,25% en setembro

O tráfico total do Porto de Vigo increméntase un 5,25% en setembro

A Autoridade Portuaria subliñou o "moi bo dato" dos automóbiles neste setembro, cun aumento do 44,60%

PUBLICADO O

- Advertisement -

O tráfico total de mercadorías incrementouse un 5,25% no Porto de Vigo durante o mes de setembro, en comparación co mesmo período do ano anterior, polo que sumou un volume de 361.823 toneladas.

Segundo recolleu a Autoridade Portuaria nun comunicado, este incremento é debido, en parte, ao aumento do tráfico de mercadorías dun 5,54% e da pesca fresca, nun 5,10%. Con todo, os avituallamentos descenderon un 2,88%.

Así, a Autoridade Portuaria subliñou o “moi bo dato” dos automóbiles neste setembro, cun aumento do 44,60% e “xeneralizado” con todos os países con tráfico significativo, polo que destacou o caso de Francia (+73,69%), Reino Unido (+69,86%) e Bélxica (+21,40%), así como Turquía, que aumenta un 135,81%.

A pesca conxelada incrementouse nun 20,97%, ata situarse no “mellor dato dos últimos 10 anos”. En canto ás importacións (80% do tráfico), aumentaron de maneira “considerable” as procedentes de Malvinas (+230,87%), Arxentina (+88,06%) e Perú (+79,84%). As exportacións, que se mantén en cifras similares ás do mesmo mes do ano anterior, teñen como principais mercados China e Exipto.

PEZAS DE VEHÍCULOS

Pola súa banda, o tráfico de pezas de vehículos incrementouse un 16,09%, manténdose Francia como principal país de intercambio desta mercadoría, pero rexistrando Canadá un crecemento do 52,99%, situándose como segundo país en intercambio comercial destes produtos.

Outras mercadorías que tiveron un comportamento positivo foron as conservas (+14,22%), o cemento (+5,03%), as madeiras (+8,97%) e os alimentos en xeral (+13,24%). En canto ás mercadorías que neste mes pecharon en negativo son os metais (-12,05%) e o granito en bruto (-22,20%).

En cando ao tráfico de pasaxe, tanto o do interior ou de ría como o de cruceiro turístico tiveron un comportamento “moi positivo”, polo que o Porto destacou o crecemento do 43,64% dos cruceristas.

En canto á pesca fresca, a súa evolución este mes de setembro foi tamén á alza, tanto en volume de movemento como en valor de venda, “en especial os peixes, que son os que achegan maior volume de transaccións e actividade pesqueira”.

ACUMULADO ATA SETEMBRO

No acumulado do ano, o tráfico de mercadorías (graneis sólidos, graneis líquidos e mercadoría xeral) alcanza a cifra de 3,07 millóns de toneladas, o que supón un 1,03% menos en comparación co primeiros nove meses de 2018. “Na evolución dos tráficos totais do porto acumulados a setembro, nos últimos cinco anos, vemos como o presente exercicio cae o tráfico con respecto a 2018, aínda que sobre exercicios anteriores segue mantendo unha tendencia positiva”, indicou.

DATOS ECONÓMICOS

Tal como indicou a Autoridade Portuaria, a súa conta de resultados do mes de setembro presenta uns datos “bastante inferiores” ao de hai un ano. En concreto, o resultado de explotación é inferior en 783.000 euros, pasando de 1,05 millóns en 2018 a 275.000 euros este ano. O resultado despois de impostos queda en 283.000 euros.

“Isto débese a varios factores entre os que destaca claramente o resultado das taxas da pesca fresca e, en especial, a taxa da mercadoría, que experimentou unha diminución de 416.000 euros neste primeiros nove meses do ano, debido á redución dun 10% que a Lei Xeral de Orzamentos aprobada en xullo de 2018 estableceu para esta taxa”, explicou a Autoridade Portuaria.

Doutra banda, produciuse un incremento dos gastos de explotación como, por exemplo, o relativo aos gastos de conservación, que aumentaron case un 20% tras realizarse varias reparacións na lonxa e no mercado do porto pesqueiro e no peirao de Transatlánticos. Así mesmo, incrementáronse as achegas a Portos do Estado.

ÚLTIMAS

A Plataforma fronte á Masificación Turística pide unha moratoria de licenzas para VUT

A Plataforma fronte á Masificación Turística de Vigo e O Morrazo dirixiuse por carta...

O PP de Vigo pide a Caballero que deixe as “ambigüidades” sobre a biblioteca de Teis

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu ao alcalde, Abel Caballero,...

O BNG volve pedir a retirada do busto de Juan Carlos I da entrada do Concello de Vigo

O BNG de Vigo volveu a reclamar este luns a retirada "permanente e definitiva"...

Detido en Vigo por ameazar cun coitelo a outro home durante unha pelexa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 25 anos de...