InicioEconomíaO orzamento municipal de Vigo para 2020 roldará os 267 millóns, 10...

O orzamento municipal de Vigo para 2020 roldará os 267 millóns, 10 máis ca no 2019

Caballero presume de que subirá salarios a funcionarios municipais o 1 de xaneiro, a diferenza da Xunta, que "non ten liquidez".

PUBLICADO O

O orzamento municipal de Vigo para 2020 roldará os 267 millóns de euros e debaterase en pleno, para a súa aprobación inicial, a mediados de novembro, segundo avanzou este mércores en rolda de prensa o alcalde da cidade, Abel Caballero.

O rexedor explicou que o borrador das contas do ano que vén reflicte unha contía de 267,7 millóns de euros, uns 10 millóns máis que en 2019, de modo que o orzamento do próximo ano volverá ser “o maior da historia da cidade”.

Segundo sinalou Caballero, o documento pasará este xoves á Intervención Municipal para a emisión do correspondente informe, e a aprobación inicial terá lugar nun pleno extraordinario o 14 de novembro. Así mesmo, o alcalde estimou que a aprobación definitiva das contas municipais poderá producirse en torno ao 23 de decembro.

Con este trámite, incidiu, “garántese” , entre outras cousas, que o próximo 1 de xaneiro os funcionarios municipais poderán cobrar os seus salarios coas subidas correspondentes.

CRÍTICAS Á XUNTA

A ese respecto, Abel Caballero quixo aproveitar a oportunidade para contrapor a actuación do Concello coa da Xunta. Así, recalcou que, mentres os traballadores públicos municipais poderán cobrar esas subidas salariais desde o 1 de xaneiro que vén, os funcionarios da Xunta non poderán facelo porque a administración autonómica “non ten liquidez”.

O alcalde fixo estas declaracións horas despois de que o goberno galego anunciase que reservará uns 90 millóns de euros do orzamento de 2020 para garantir a subida do 2,2 % nos soldos dos empregados públicos, unha medida condicionada a que o Estado habilite os pagos.

Segundo afirmou Caballero, a Xunta de Feijóo ten unhas “finanzas febles” e iso é “o que diferencia” a súa xestión municipal da actuación de Feijóo, que “non xestiona ben”.

Como exemplo, sinalou que o Concello de Vigo ten nestes momentos “débeda cero”, a pesar de que o propio Caballero herdou do goberno de Corina Porro unha débeda “de máis do 40 %”. No caso da Xunta, insistiu, Feijóo atopouse en 2009 cunha débeda de 4.859 millóns de euros, e elevouna ata os máis de 11.680 millóns da actualidade.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...