Os grupos municipais Marea de Vigo e PP no Concello olívico presentaron este martes as súas propostas para mellorar o transporte colectivo público urbano, tendo en conta se de que se inicia a redacción do regulamento sobre a prestación do servizo e que tamén está en elaboración o prego de condicións para a adxudicación do servizo de bus (o contrato con Vitrasa decae en xuño do ano que vén).
O portavoz de Marea, Rubén Pérez, presentou a proposta de regulamento do seu grupo tras manter reunións cos traballadores de Vitrasa e con outros colectivos. O texto contempla as condicións de prestación deste servizo (tipo de tarifas, tipo de paradas e de vehículos, obrigacións e dereitos de usuarios e de traballadores, etc.).
Entre as novidades que propoñen está ampliar a gratuidade do billete aos nenos ata seis anos de idade, ou establecer un billete social para persoas vulnerables empadroadas en Vigo (parados, perceptores de Risga ou de pensións non contributivas, ou persoas con ingresos inferiores ao 75 % do IPREM).
O portavoz de Marea de Vigo lamentou que o goberno municipal aproveitase o período vacacional para publicar na súa web a consulta cidadá sobre o regulamento (á que está obrigado por lei), sen darlle apenas publicidade, a pesar de que “esta é a consulta importante, e non cando se acenden as luces de Nadal”.
En todo caso, e aínda que Marea vai estar “atenta” á redacción do prego de adxudicación do servizo, Rubén Pérez volveu insistir en que o seu grupo reclamará “que se cre unha empresa pública de transporte e o servizo sexa de xestión pública directa“.
Por outra banda, este grupo municipal alertou contra os problemas que se poden derivar da posta en funcionamento do carril bici, unha iniciativa que se está desenvolvendo sen que haxa un informe de seguridade ou mobilidade. “Non hai planificación do trazado nin do seu impacto no tráfico”, advertiu a concelleira Oriana Méndez, quen lembrou que, por exemplo, os usuarios de bus e de taxi soben e baixan deses medios de transporte desde o carril bici.
PROPOSTAS DO PP
Pola súa banda, o grupo municipal do PP concretou algunhas melloras para o servizo de transporte público vigués, cuxo actual modelo, “ancorado nos anos 90”, “está claramente superado”.
Así, expuxo que se dea “máis protagonismo ás persoas usuarias” e se regule o servizo pensando nas súas experiencias e necesidades; que se amplíen as liñas e frecuencias para atender novas demandas, ou que se reforcen en barrios e parroquias; que se cren ‘nodos’ de transporte onde se poidan adquirir billetes urbanos e interurbanos, e con información en tempo real; que se aposte por un servizo conectado, coa implantación de novas tecnoloxías; cunha frota sustentable e adaptada á mobilidade eléctrica ou híbrida; e que se revisen as tarifas para “adaptalas á realidade social e económica da cidade”.
“Vigo ten unha oportunidade histórica que só se dá unha vez en décadas. O alcalde ten a responsabilidade de facer unha transformación radical dun servizo esencial na cidade, de facer un servizo do século XXI”, sinalou o portavoz ‘popular’, Alfonso Marnotes.