Localizados oito menores desaparecidos na xornada de praias do luns en Vigo

Tanto o "labor dos axentes da Unidade de Costa e Praia (Baías) como a colaboración cidadá, facilitaron a rápida localización dos menores nun breve período de tempo".

Bueu Praias
Praia de lagos bandeira azul nas costas de do Morrazo Bueu © Miguel Nuñez

Axentes da Policía Local de Vigo, con colaboración cidadá, localizaron ata oito menores desaparecidos na xornada de praias deste luns.

Segundo informou a Policía Local, na xornada de praias deste luns rexistráronse “ata oito desaparicións de menores”, pero tanto o “labor dos axentes da Unidade de Costa e Praia (Baías) como a colaboración cidadá, facilitaron a rápida localización dos menores nun breve período de tempo”.

Por outra banda, ás 13,03 horas deste luns, a Policía Local recibiu aviso na Sala de Comunicacións sobre unha muller que caeu por unha baldosa levantada na rúa García Barbón.

Cando a patrulla chegou ao lugar, a señora manifestou que caeu como consecuencia dunha baldosa levantada. Tamén comentou que, unha vez no chan, pedira axuda para levantarse, “notando molestias na boneca e xeonllo esquerdas”, indicaron as mesmas fontes.

A unidade policial desprazouse ao lugar para realizar o correspondente informe por caída en vía pública ao tropezar cunha tapa de rexistro de telefónica, “atopándose a beirarrúa levantada nese punto concreto”, abundaron as mesmas fontes policiais.