InicioPolíticaMarea de Vigo sobre a organización municipal: "A Abel Caballero a democracia...

Marea de Vigo sobre a organización municipal: “A Abel Caballero a democracia quédalle grande, como os traxes”

Acudirá aos tribunais para ter grupo propio, mentres o BNG esgotará a vía administrativa.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, volveu a denunciar este venres o “comportamento antidemocrático” do goberno de Abel Caballero, reflectido na organización dos grupos municipais, e na pretensión dos socialistas de que Marea e BNG se configuren nun único grupo (mixto): “É unha cuestión de democracia, e a Abel Caballero a democracia quédalle grande, como os traxes”.

Nunha rolda de prensa, Pérez Correa criticou a posición do goberno vigués acerca desta configuración de grupos, incluíndo a Marea nun grupo mixto e nomeando ao edil do BNG, de forma provisional, como non adscrito.

Segundo sinalou, Abel Caballero “non quere que haxa 4 grupos” na corporación e pretende “eliminar os dereitos” tanto de Marea como do BNG de ter voz propia e presentar as súas iniciativas de forma independente.

Tras vaticinar que os próximos 4 anos serán unha etapa “estéril no político, con moita demagoxia e falta de democracia“, Pérez Correa deu por feito que “non se pode convencer ao goberno local” de que cambie de postura, polo que a súa reclamación sobre a organización dos grupos seguirá pola vía xudicial.

DENUNCIA NOS TRIBUNAIS

Así, Marea de Vigo confirmou que acudirá aos tribunais para ter grupo municipal propio, e advertiu de “que non hai nada que negociar” co goberno de Abel Caballero, ao que acusa de ter un “comportamento antidemocrático”.

“E aquí non hai bo rollo, nós non imos quitar as denuncias que poñamos”, advertiu, en clara alusión ao anuncio feito polo PP, de desistir dos procesos xudiciais iniciados no anterior mandato contra o goberno local (a personación na causa sobre o accidente do Marisquiño e a denuncia por ocultación de información).

Rubén Pérez volveu a criticar a “decisión arbitraria” do goberno vigués, con arranxo a un regulamento que establece a necesidade de ter un mínimo de 3 edís para poder conformar grupo municipal propio.

Por outra banda, lembrou que tanto Marea como o PP, en 2016, votaron en contra da modificación do regulamento e presentaron emendas (que non foron aceptadas). Ademais, Marea remitiu un escrito aos membros da executiva da FEMP, advertindo das pretensións de Abel Caballero, “contrarias ao código de boas prácticas” do órgano municipalista, e en contra “do que se está facendo na maioría de concellos”.

“OPORTUNIDADE DE RECTIFICAR

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier P.Igrexas, confirmou que a súa formación esgotará, en primeira instancia, a vía administrativa para reclamar a creación do seu grupo municipal.

Así, ademais de impugnar a reunión da xunta de portavoces do pasado mércores, a formación nacionalista presentará “en próximos días” recurso de reposición no Concello, ante a decisión de nomealo concelleiro non adscrito, unha decisión “arbitraria e antidemocrática”.

Pérez Igrexas apuntou que a vía xudicial, mediante contencioso administrativo, “sempre estará aberta”, pero o BNG quere “extinguir os procedementos administrativos”. “Para darlle a oportunidade política ao goberno local de rectificar”, apostilou.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Un vigués entre os 11 detidos por facer grafitis en trens de Cataluña

Unha operación conxunta entre Policía Nacional, Mossos d'Esquadra e Garda Urbana de Barcelona (GUB)...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...

Condenado a 2 anos de cárcere e perda do carné por 4 anos o condutor novel que embestiu a unha motorista en Coruxo no...

O xulgado do Penal 2 de Vigo condenou á pena de 2 anos de cárcere ao...