InicioSociedadeAuxiliares de enfermaría volven pecharse no Cunqueiro

Auxiliares de enfermaría volven pecharse no Cunqueiro

Manteñen a súa negativa a trasladar bolsas de roupa sucia até os puntos de recollida, xa que é un labor que non lles corresponde. O alcalde, Abel Caballero, reitéralles "todo" o seu apoio.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os auxiliares de enfermaría do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo iniciaron este martes o seu segundo peche de 24 horas —despois do que levaron a cabo o xoves da pasada semana—, xa que a Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) “segue nos seus trece” de imporlles a función de trasladar bolsas de roupa sucia até os puntos de recollida.

Tal e como informou a portavoz do colectivo, Miriam Costas, despois de que nestes días non houbese “ningunha novidade” por parte da dirección do hospital, decidiron iniciar este segundo peche, que arrincou sobre as 12,00 horas deste martes cunha manifestación silenciosa pola zona onde se atopan os pacientes.

Costas indicou que cando regresaron ao vestíbulo de entrada do hospital, onde se asenta a mobilización do persoal, atoparon a varios axentes da Policía Nacional, que lles informaron de que tiñan que quitar a tenda de campaña, os demais efectos que representaban un cámping e os carteis.

Ante esta situación, os Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAEs) levaron a cabo unha asemblea “espontánea” pola que decidiron quitar unicamente a tenda de campaña, e manter tanto os carteis coma o resto das súas cousas —mesas, cadeiras, etc.—, o que foi aceptado polo corpo policial.

Paralelamente, o CSIF, un dos sindicatos mobilizados, comunicou que remitiu un escrito para reclamar á Xerencia a recuperación da vía de negociación e diálogo, que, denunciou, “até agora substituíu pola presión ao persoal até niveis inaceptables”. Ademais, chamouna a “esixir que a concesionaria non se desentenda das súas obrigacións”.

Auxiliares enfermaría
Peche de auxiliares de enfermaría / Miguel Núñez.

APOIO DE CABALLERO

Este mesmo martes, os auxiliares de enfermaría mantiveron unha reunión co alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen lles reiterou “todo” o seu apoio nesta reivindicación. “Quérenlles obrigar a facer traballos que non son a súa obriga e non lles corresponden, o que significará que descoiden os seus traballos propios”, recalcou.

Peche no Állvaro Cunqueiro
Auxiliares enfermaría pechadas no Álvaro Cunqueiro / Miguel Núñez

Así as cousas, sostivo que estes traballadores “están para atender a pacientes, son persoal cualificado, con enorme querenza á súa profesión e a súa titulación é de auxiliares de enfermaría”. “Por tanto, teñen que traballar como auxiliares, non son persoal de limpeza e nunca o foron“, agregou.

Nesta liña, criticou que se obrigue aos TCAE a facer estes labores “porque así a empresa privada dona do hospital aforra gastos de limpeza e ten beneficios, pagados desde o público e obrigando aos auxiliares”. “Son circunstancias impropias dun hospital, dar máis atención ao negocio que á sanidade e estar continuamente confrontando con colectivos da sanidade”, reprobou.

IBI DO HOSPITAL

Noutra orde de asuntos, pero tamén en relación co hospital, Caballero criticou que o Partido Popular de Vigo avogue por que se exima de pagar o IBI ao HAC, ante o que censurou que “o PP non quere que a empresa privada propietaria do Cunqueiro pague o IBI do hospital”.

Caballero lembrou que “todos os centros de saúde pública están exentos do IBI, porque son do sistema sanitario público, pero os hospitais privados pagan o IBI”, após o que manifestou que “o Cunqueiro é un hospital privado”.

“É case un millón de euros. Por que lle imos a perdoar a unha empresa un millón de euros? Por que defende intereses particulares?”, cuestionouse sobre a petición do PP, a colación do que sostivo que detrás disto está a decisión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que pretende con isto “que esa empresa teña máis beneficio á conta da cidade”.

ÚLTIMAS

Caballero, feliz de que a A-52 entre Vigo e O Porriño está “absoluta e irreversiblemente en marcha”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores que, coa publicación no BOE...

OPINIÓN.- As competencias dos concellos

Ultimamente vemos como entre as distintas administracións vanse pasando a pelota das competencias e...

Vigo pide á Xunta “toda a información” sobre o túnel de Beiramar antes de convocar a Comisión

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este martes á Xunta de Galicia "toda...

As obras da bancada de Gol comezarán a finais de xaneiro e a Avenida de Madrid en marzo, anuncia Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que as obras da bancada de Gol...