InicioSociedadeO Concello impugna o canon de regulación da Xunta na presa de...

O Concello impugna o canon de regulación da Xunta na presa de Eiras porque quere cobrar “por non facer nada”

Caballero anuncia que esixirá a Feijóo a devolución de todo o que paga Vigo "sen que lle corresponda"

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo en funcións, Abel Caballero, anunciou este xoves que o Concello olívico presentará unha reclamación económico administrativa ante a Xunta Superior de Facenda para impugnar o cobro do chamado canon de regulación na presa de Eiras, unha taxa que ascende a máis de 654.000 euros anuais, e que o goberno galego pretende cobrar “por facer nada”.

Así o trasladou en rolda de prensa o rexedor e explicou que, cando a Xunta remitiu un escrito reclamando o pago dese canon correspondente ao ano 2014, o Concello interpuxo un recurso de reposición “crendo que era unha equivocación”. Pero o recurso foi desestimado por Augas de Galicia, que alega que a presa de Eiras é de titularidade autonómica.

A ese respecto, o Concello sostén que, aínda que a infraestrutura hidráulica sexa da Xunta, na práctica, a xestión, explotación e mantemento da presa son exercidos polo Concello de Vigo, a través da súa concesionaria Aqualia.

“É disparatado impor un canon sobre algo que á Xunta non lle custa nada”, proclamou Abel Caballero, quen insistiu en que o Goberno galego quere cobrar a Vigo “por facer nada” na presa de Eiras. “E ademais, que o saiban todos, queren que repercutamos o canon aos concellos que se abastecen da presa de Eiras”, engadiu.

Así mesmo, lembrou que o Concello paga un canon de saneamento de 5 millóns ao ano, cando “a Xunta non fai nada en relación ao saneamento nin ao abastecemento” da cidade olívica. “Déixannos sen auga e quérennos cobrar a nosa”, denunciou.

LISTA DE GASTOS IMPROPIOS

Por outra banda, o alcalde anunciou que remitirá “unha listaxe” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de todo o que o goberno galego “cóbralle” ou pretende cobrarlle ao Concello de Vigo “sen que lle corresponda”.

Abel Caballero non fixou unha cantidade exacta, aínda que serán “moito máis” de 8 millóns de euros, e avanzou que esixirá ao goberno autonómico a “devolución” de todo ese diñeiro que sae das arcas municipais para taxas de saneamento e abastecemento, mantemento dun centro de atención a drogodependentes, etc.

Segundo o alcalde, a Xunta utiliza o diñeiro que paga Vigo, “sen que lle corresponda e sen recibir nada”, como “sistema de financiamento de gasto noutros sitios”. “Que nos devolva todo o que nos cobrou historicamente. Isto de que Feijóo veña a Vigo a cobrar para gastalo fóra acabouse”, proclamou.

ÚLTIMAS

The Corrs actuarán en Vigo o 11 de agosto en Castrelos

A banda irlandesa The Corrs actuará no auditorio de Castrelos de Vigo o próximo...

O PP e o BNG de Vigo esixen mobilizar 60 millóns de remanentes para vivenda e servizos sociais

O Partido Popular e o BNG de Vigo coincidiron este mércores en demandar unha...

O Xuíz pide á Policía Local todos os informes sobre intervencións na atracción Saltamontes en Coia e Balaídos “en anos anteriores”

O tribunal de instancia, sección de instrución, praza 3 de Vigo, que investiga o...

Rueda presenta en Vigo 172 vivendas protexidas e 37,2 millóns de investimento

A Xunta licitou a construción dun novo edificio na ampliación do barrio vigués de...