A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, na que se enmarcan o tres institucións de educación superior galegas, acordou propor á Secretaría Xeral de Universidades, dependente da Xunta, a impartición dun 80 por cento da docencia de seis dos seus graos en galego.
Segundo recolle a Universidade de Vigo (UVigo) nun comunicado, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apuntou que é posible que a iniciativa, que se abordou nunha reunión celebrada este luns na cidade olívica, se poida pór en marcha no curso 2019-2020.
En concreto, aplicaríase nos graos de Educación primaria, Educación Infantil e Comunicación Audiovisual da UVigo e no de Educación Social da Universidade da Coruña (UDC), así como nas titulacións de Xornalismo e Educación Social da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
De acordo co Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2016-2021, a Xunta asumiría o custo da implantación da maior parte da docencia en galego nun grao por universidade e a dos demais sería sufragada polas institucións de educación superior.
Respecto diso, Valentín García detallou que a incorporación de novos graos con docencia en galego deberá ser negociada mediante unha folla de ruta deseñada a medida dos plans de formación de cada universidade.
Ademais, afirmou que este proxecto permitirá que os mozos que non utilizan o galego na súa vida diaria o incorporen á súa formación e asegurou que reforzará a presenza desta lingua neste colectivo.