InicioSociedadeCaballero denuncia atraso no estudo sobre abastecemento por un cambio "unilateral" da...

Caballero denuncia atraso no estudo sobre abastecemento por un cambio “unilateral” da Xunta

Segundo explicou o alcalde vigués, o Goberno autonómico introduciu de forma "unilateral e sen notificalo" un cambio no texto, relativo ao momento de pago por parte da Xunta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este mércores que o convenio para encargar un estudo sobre a solución ao abastecemento de auga na área viguesa atrasarase debido a un cambio “unilateral” realizado no texto por parte da Xunta de Galicia, sen notificalo ás outras administracións implicadas, Concello e Goberno de España.

Así o manifestou o rexedor olívico en declaracións aos medios, e lembrou que o Concello xa aprobou ese convenio, mentres que a tramitación na Administración está “case case” terminada, á espera dun informe.

“Pero pasou algo do que nos acabamos de decatar. A Xunta non aprobou o que acordamos, modificouno sen advertir a ningunha administración, e agora o Concello e o Ministerio de Transición Ecolóxica temos que partir de cero”, denunciou o alcalde.

Segundo explicou Caballero, o Goberno autonómico introduciu de forma “unilateral e sen notificalo” un cambio no texto, relativo ao momento de pago por parte da Xunta. Trátase, abundou, dunha cuestión técnica, pero que obriga a reiniciar a tramitación para poder asinar ese convenio.

“Cinco meses perdidos porque a Xunta modificou o pactado sen avisar”, lamentou Caballero, quen constatou que o Goberno autonómico “outra vez está a obstaculizar a solución aos problemas de Vigo”.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta de Galicia precisou que o convenio para facer ese estudo sobre o abastecemento de auga aínda se está tramitando porque o Ministerio “o mantivo bloqueado durante meses”.

A ese respecto, apuntou que, tras a reunión do pasado outubro na que se acordou a firma dese convenio polo tres administracións, a Xunta remitiu tanto ao Concello como ao Goberno unha proposta de convenio, e non obtivo a conformidade do Ministerio “ata hai unhas semanas”.

“Durante todos estes meses de espera non se escoitou nin unha palabra de preocupación do alcalde de Vigo polo atraso, a pesar de que se trata de buscar solucións aos problemas estruturais que presenta o sistema de abastecemento de auga no seu municipio”, apuntaron fontes autonómicas.

Con respecto ao convenio, a Xunta confirmou que realizou un “axuste mínimo de redacción” no mesmo, para elevalo á súa aprobación por parte do Consello. No entanto, sinalou que estes axustes son “habituais” neste tipo de tramitacións e que “non altera nin o fondo do convenio nin os acordos pechados entre as administracións”.

“Lamentablemente, o alcalde de Vigo dedica moita máis enerxía a atacar á Xunta que a traballar por solucionar os problemas de abastecemento de auga da súa cidade”, sentenciaron por parte do Goberno galego.

Por outra banda, as mesmas fontes sinalaron que o goberno local de Abel Caballero tampouco deu ningún paso para “solucionar as severas deficiencias da estación potabilizadora do Concello”, deficiencias “coñecidas desde o 2011” e que provocan “problemas de calidade da auga en época de escaseza de precipitacións”.

ÚLTIMAS

Falece un home de 56 anos ao caerlle encima unha árbore nunha leira de Soutomaior

Un home de 56 anos e veciño de Redondela faleceu na mañá deste sábado...

GKN Vigo e o comité pactan retirar o ERE a cambio de ampliar a flexibilidade da xornada

GKN Driveline Vigo e o comité de empresa alcanzaron un preacordo para a retirada...

O BNG esixe retirar o Plan de Igualdade de Vigo por falta de consenso e un atraso de 14 anos

O grupo municipal do BNG en Vigo pediu a retirada da proposta do V...

Uruguai rescinde o contrato con Cardama por “incumprimentos graves” e anuncia accións xudiciais

O presidente de Uruguai, Yamandú Orsi, anunciou que o seu Goberno rescindiu o contrato...