InicioPolíticaCasado dá 'plenos poderes' a Feijóo: "Se chego a presidente, el será...

Casado dá ‘plenos poderes’ a Feijóo: “Se chego a presidente, el será o que queira, cando queira e como queira”

"Que nos van a contar en Ávila da contorna rural", proclamou

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente nacional do PP, Pablo Casado, reiterou este domingo os seus eloxios ao presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, ao que cualificou como un “político referencia nacional”, que poderá ser “o que queira, cando queira e como queira” se os populares presiden o próximo goberno, e apelou ao “sentidiño, que boa falta fai” e á política de “menos contos e máis contas” da que fai gala o líder galego.

Nun acto celebrado en Vigo, no que se repartiron carnés do PP a un centenar de novos militantes (que representaban a uns 600 novos inscritos no partido), e ante medio milleiro de persoas, Pablo Casado puxo en valor a acción do goberno da Xunta, unha comunidade que “non tivo que ser rescatada” e que agora, para as eleccións xerais, “presenta aos mellores candidatos” do PP por cada provincia.

“Quería empezar en Galicia porque é unha referencia nacional, e Feijóo é un político referencia nacional”, afirmou e, do mesmo xeito que xa dixera cando aspiraba a presidir o PP, proclamou: “Se son presidente de España, Feijóo será o que queira, cando queira e como queira”.

Reunión do PP en Vigo / Miguel Núñez

Casado tamén se comprometeu, se goberna, a modificar o financiamento autonómico para que teña en conta “á España rural” e criticou a política orzamentaria do PSOE, deseñando os investimentos nas comunidades “como un taboleiro de Risk”, no que algunhas rexións como Galicia, tiñan “unha chincheta vermella”, porque “saben que aí non poden gobernar”.

Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo, incidiu en que Casado terá “a Galicia na súa axenda cando sexa presidente do Goberno”, e lembrou que os galegos “saben o que é padecer” un executivo, como o de Sánchez, “para o que os españois non son todos iguais”. Así, puxo como exemplo o recorte dos investimentos en Galicia, e o incumprimento de acordos “pechados” como a eliminación da peaxe en Rande-Redondela ou a creación dun campus FP en Vigo (que agora se fará, recalcou, en Ourense).

Así mesmo, repetiu as súas críticas contra decisións do Goberno que afectan os empregos de Alcoa “pola falta de rigor na política enerxética”, ou aos traballadores e familias que dependen da actividade de Ence. “Galicia está a padecer a un presidente que non nos deixa gastar o diñeiro propio”, engadiu, en alusión á reinversión do superávit.

Reunión do PP en Vigo / Miguel Núñez

Segundo Feijóo, a Sánchez “impórtalle tanto Galicia como aos líderes de Vox e Cidadáns, ou sexa, nada de nada”. Así, respecto diso dos partidos de Abascal e Rivera, lembrou que “estiveron tentado captar militantes do PP” e que, “cando conseguían un celebrábano”.

Por outra banda, referiuse tamén á necesidade de que non se disgregue o voto da dereita, e advertiu de que o PP foi un partido “útil a España e a Galicia”, mentres que “o resto son útiles a Pedro Sánchez, directa ou indirectamente”.

Feijóo, líder dos populares galegos, que lembrou que a política “non son só proclamas como ‘Viva Galicia’ e ‘Viva España’, senón saber xestionar”, afirmou que aos galegos “interésalles ter un presidente que teña palabra, que respecte a Constitución e o Estatuto de Autonomía, o autogoberno e a unidade de España”.

Casado e Feijóo fixeron as súas intervencións nun acto no que tamén participaron o vicepresidente da Xunta e secretario provincial do PP, Alfonso Rueda; e a candidata do PP á Alcaldía de Vigo, Elena Muñoz. O acto celebrouse no Auditorio Mar de Vigo, cuxas paredes exteriores foron limpadas momentos antes de que comezase o encontro, xa que apareceron pintadas con mensaxes que cualificaban ao PP de partido “corrupto” e outras críticas.

 

ÚLTIMAS

Vigo inviste máis da metade en luces de Nadal que todo o resto de cidades galegas

As sete cidades galegas destinarán máis de 4,4 millóns de euros ao gasto en...

OPINIÓN.- Crecemento diferente

Unha das dependencias básicas do ser humano é a ecodependencia, que non é outra...

Netflix escolle Vigo para a promoción do ‘Xogo da Lura’

Vigo, a cidade das luces, volve ser protagonista este Nadal, pero desta vez non...

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...