O Casco Vello de Vigo acollerá, desde este sábado e ata o 31 de marzo, unha nova edición da Reconquista, que este ano recupera a representación da destitución do alcalde afrancesado e o nomeamento de Vázquez Varela, e que terá, como principais novidades, a instalación dun ‘punto violeta’ de atención a posibles vítimas de agresións sexuais, e a retransmisión da expulsión das tropas francesas a través dunha gran pantalla na Porta do Sol.
Así o explicou o portavoz da Asociación de Veciños Casco Vello, Xerardo Feijóo, quen avanzou que as actividades comezarán na tarde deste sábado 23 de marzo, ás 18,00 horas na Praza do Berbés, cun acto de recoñecemento a nove veciños que impulsaron, hai 25 anos, esta celebración. A continuación, representarase a ocupación da vila, e a destitución do alcalde.
O mércores 27 de marzo terá lugar a ‘Reconquistiña’, un desfile polo barrio histórico de máis de 650 nenos de 12 colexios de Vigo, acompañados de música e caracterizados segundo o estilo da época (ano 1809). A marcha comezará as 10,30 horas acabará cunha gran chocolatada.
Esa mesma tarde-noite, a partir das 20,00 horas, celebrarase a gala de entrega dos premios aos Vigueses Distinguidos e a Medalla da Cidade, no teatro Afundación. Alí, a directora da planta de GKN, Consolo Domínguez, lerá o pregón.
MÁIS ACTOS
O 28 de marzo (festivo local), terá lugar a tradicional ofrenda floral ante o monumento aos heroes da Reconquista, na Praza da Independencia. Así mesmo, a Colexiata acollerá un concerto da orquestra infantil Kv2211 ás 12,45 horas.
O sábado 30 de marzo instalaranse os 250 postos de artesanía e comida no Casco Vello; as rúas do barrio encheranse de animación, música e talleres; e a xornada pecharase cun concerto de Treixadura ás 21,00 horas na Porta do Sol.
Xa o domingo 31 de marzo, ademais dos postos do mercado, chegarase ao clímax da celebración coa representación, a partir das 18,00 horas, da expulsión das tropas francesas. Os parlamentos, a toma da cidade pola porta da Gamboa, e a fuxida dos soldados ao porto poderán seguirse nunha pantalla xigante instalada en Porta do Sol.
Outra das novidades será a presenza dun ‘punto violeta’ de atención a posibles vítimas de agresións sexuais ou condutas violentas, que estará ao final da rúa Real, nun extremo da Praza do Berbés.