Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a tres homes e unha muller (F.J.G.D., de 40 anos de idade; J.E.F.A., de 34 anos; D.L.D.S., de 32 anos; e A.C.G., de 37 anos de idade) como presuntos autores dun roubo con violencia cometido nun estanco da cidade olívica.
Os feitos sucederon na madrugada deste luns, cando unha dotación da Policía Nacional desprazouse a un estanco da rúa Emilia Pardo Bazán, despois de que saltase a alarma.
Unha vez alí, os axentes comprobaron que o enreixado metálico e o bombín da fechadura do local foran forzados, e que o cristal estaba roto. Ademais, no interior do estanco, comprobaron que a caixa rexistradora fora arrincada, e que no chan había varias bolsas de lixo de plástico azul e unha luva de plástico transparente.
A Policía deu aviso a todas as patrullas, tanto do 091 como do 092, para que estivesen alerta por se localizaban aos ladróns. Unha desas patrullas, unha dotación da Policía Local, atopábase nese momento identificando os ocupantes dun turismo, na rúa Gran Vía.
Os axentes avisaron ao resto de unidades, ao decatarse de que estas persoas tiñan varias bolsas de lixo azul no interior do coche.
Tralo rexistro, a Policía atopou varios sacos de lixo aberto e un rolo de bolsas sen abrir; varias luvas transparentes; dous pasamontañas; un televisor de 42 polgadas; un rolo de teflón e outro de esparadrapo; varias ferramentas; e case 400 euros en efectivo, que levaban entre o catro ocupantes do vehículo.
A Policía detívoos como presuntos autores dun roubo con forza, mentres que o coche foi retirado ao depósito municipal para quedar a disposición do xulgado.