InicioPolíticaOs usuarios do porto de Vigo piden a Feijóo medidas para evitar...

Os usuarios do porto de Vigo piden a Feijóo medidas para evitar a perda de tráfico e as consecuencias do ‘brexit’

Apostan por seguir mellorando o PIF ou crear un xerente que coordine a actuación das institucións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Federación de Usuarios do Porto de Vigo (FUPV) mantivo este luns unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que tamén participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e na que puxeron sobre a mesa as súas demandas para mellorar a competitividade da terminal olívica: axilización do PIF, ampliación do porto pesqueiro, ou implantación do portelo único coa figura dun xerente-coordinador.

Así o trasladou o portavoz da Federación, Enrique Mallón, en declaracións aos medios tras a celebración do encontro (que tivo lugar na delegación territorial da Xunta en Vigo).

Mallón incidiu na necesidade de “manter a mellora” no funcionamento do Posto de Inspección Fronteiriza (PIF) porque os usuarios da terminal olívica sofren unha “competencia feroz” doutros portos, como o portugués de Leixões.

A ese respecto, sinalou que, aínda que se debe observar un “estrito” cumprimento da normativa, debe mellorarse o funcionamento porque “non se pode admitir” a perda de tráficos, que “pode ser relevante” en mercadorías como conxelados.

Por outra banda, a Federación de Usuarios do Porto de Vigo insistiu na conveniencia de que se implante o chamado ‘portelo único’, que facilite a coordinación entre as diferentes administracións e institucións implicadas no funcionamento do porto.

Para iso, expuxeron a creación da figura dun “xerente” que faga eses labores de coordinación e xestión entre as distintas administracións que participan na xestión aduaneira e comercial.

Enrique Mallón tamén puxo de manifesto o apoio dos usuarios do porto á ampliación do porto pesqueiro e a “optimización de espazos”, e volveu a insistir na petición de que esta Federación teña un sitio no Consello de Administración do Porto, e participe nas “decisións do día a día” da terminal viguesa.

Finalmente, o portavoz da FUPV explicou aos medios que trasladaron a Feijóo a súa “preocupación” polas consecuencias do ‘brexit’, así como a satisfacción pola inclusión de Galicia no Corredor Atlántico de mercadorías.

En relación a esa conexión, Enrique Mallón lembrou que “se gañou parte da batalla”, pero “queda unha tarefa importante”, que é a conexión entre Vigo e Oporto (Portugal), que “tamén é imprescindible”.

ÚLTIMAS

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...