InicioMedio Ambiente e PatrimonioEntra en vigor o primeiro Plan Reitor das Illas Atlánticas para garantir...

Entra en vigor o primeiro Plan Reitor das Illas Atlánticas para garantir a súa preservación

Entre as novidades, establécese un límite máximo de visitantes para todas as illas en tempada alta e baixa.

PUBLICADO O

O primeiro Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) para o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia entrará en vigor este martes coa finalidade de regular os usos permitidos no espazo natural durante a próxima década, para garantir unha maior protección e conservación dos seus valores.

Tras alcanzar o visto e prace do Consello da Xunta a finais de 2018, e despois da publicación este luns do decreto de aprobación do plan no Diario Oficial de Galicia (DOG), cúmprense todos os trámites para a súa entrada en vigor.

Con esta decisión, segundo sinala Medio Ambiente nun comunicado, “dáse un paso imprescindible na candidatura do parque nacional a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”.

2,6 MILLÓNS DE EUROS POR ANO

Este plan de acción, que engloba ámbitos como a conservación da biodiversidade e a paisaxe, a investigación, o uso público e o desenvolvemento sustentable, implicará investir 2,6 millóns de euros cada ano dos 10 que terá de vixencia o PRUX.

A Xunta lembra que se trata do primeiro PRUX co que contan as Illas Atlánticas e xorde como resultado do “amplo” consenso e do traballo coordinado cos distintos sectores e actores que interveñen no espazo natural.

Ría de Vigo desde Cíes/ Miguel Núñez

A aprobación deste plan dota ao arquipélago dunha folla de ruta na que se detallan os obxectivos e os criterios de xestión. Ademais, establece a normativa de protección, a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións propostas para os próximos 10 anos no que se refire a conservación, uso público, investigación e seguimento, entre outros.

PLAN DE EMERXENCIA

Unha das principais novidades do documento é que incorpora un plan de emerxencia e de autoprotección ambiental. O obxectivo é dotalo de ferramentas de planificación propias que melloren non só a capacidade de resposta ante posibles incidentes, senón tamén preservar os valores das illas.

Segundo a consellería, o plan de emerxencia pretende optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles coa finalidade de controlar de forma rápida a evolución da emerxencia e minimizar as posibles consecuencias.

Turismo
Paseando polas Cies/ Miguel Nuñez

En canto ao plan de autoprotección, contemplará a prevención dos riscos máis probables derivados das actividades que se desenvolven normalmente no contorno do parque, recollerá as previsións orzamentarias necesarias para a súa aplicación, os medios dispoñibles e a formación das persoas. Tamén incluirá mecanismos de coordinación cos plans de protección civil e actualizarase periodicamente.

LÍMITE DE ACCESO

Outra das novidades do novo PRUX é que a totalidade das illas que conforman o parque (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) terán por primeira vez un límite de acceso, tanto na tempada alta como na baixa. O obxectivo é compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas coa conservación do Parque Nacional.

Deste xeito, a illa de Ons terá un límite máximo de visitantes que en tempada alta (Semana Santa e o período que comprende desde o 15 de maio ata o 15 de setembro), fixarase en 1.300 persoas ao día para o acceso por transporte colectivo regular, 200 prazas para grupos e un máximo de 300 na zona de acampada.

Naviera mar de Ons
Naviera a Cíes/Miguel Nuñez

Na regulación de acceso ás Cíes, que xa estaba limitado en anos anteriores, estableceranse un máximo de 1.800 visitantes ao día, un máximo de 200 prazas reservadas para grupo e un límite de 600 campistas. No caso de Sálvora e Cortegada, ambas as illas manteñen a súa cota actual de grupos autorizados, cun tope de 250 persoas ao día.

En tempada baixa, tanto en Cíes como en Ons, establécese unha cota de 450 persoas para poder visitar e acceder a calquera das dúas en grupos organizados. En Sálvora e Cortegada o límite fíxase en 250 persoas por cada illa.

Para fomentar a educación ambiental favoreceranse os intercambios de material e experiencias educativas con outros centros e institucións dedicadas á educación ambiental, principalmente con aqueles que se sitúan dentro da Comunidade galega. Ademais, fomentaranse actividades para a atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise ou dano cerebral.

REGULACIÓN DOS RECURSOS PESQUEIROS

Outro dos obxectivos deste documento é o fomento do mantemento das actividades profesionais tradicionais, en especial as de aproveitamento dos recursos mariños naturais.

Segundo explica Medio Ambiente, o PRUX velará pola aplicación das medidas compatibles coa conservación dos hábitats de interese comunitarios ou as áreas de especial interese para o mantemento daquelas actividades que se atopen reguladas en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo e acuicultura.

Especies mariñas / Photopin

Outra das novidades do Plan é a implantación dunha nova zonificación no parque nacional debido á súa dimensión vertical e á profundidade das augas. Ademais do cinco zonas xa recoñecidas, créase unha nova zonificación do medio marítimo.

As Illas Atlánticas conforman o único parque nacional existente en Galicia. Destacan polo seu “enorme valor ambiental, paisaxístico e desde o punto de vista da biodiversidade”, xa que conta con 34 hábitats de interese comunitario dos 90 que hai en Galicia.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...