O PP expresou este luns a súa esperanza de que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, acudan este martes á cita que teñen para comparecer na comisión de investigación do Marisquiño, e que alí poidan dar as explicacións que, ao seu xuízo, aínda non se deron na cidade, acerca deste accidente que causou 467 feridos.
Nunha rolda de prensa, a concelleira e deputada autonómica ‘popular’, Teresa Egerique, recalcou, en alusión ao rexedor olívico, que este martes “ten unha oportunidade de ouro” para, “por fin”, falar sobre ese accidente, “190 días despois” de que se produciu, e sobre as tramitacións que levou a cabo o Concello para a celebración do evento.
A deputada lembrou que o goberno de Abel Caballero “negou a comisión de investigación” no ámbito municipal, “limitou o tempo” no pleno extraordinario que se celebrou para falar do accidente e non quixo “dar explicacións” respecto diso.
Egerique subliñou que, no canto desas explicacións, o alcalde pretende facer un “uso clientelar” das institucións públicas, ao pedir “amparo” do Consello de Estado para tratar de eludir a súa comparecencia na comisión parlamentaria. Ademais, engadiu, Caballero expresou o seu “desprezo” cara ao Parlamento, e insultou “aos deputados (de BNG e En Marea) que propuxeron a posta en marcha de é órgano de investigación.
Con eses antecedentes, a deputada do PP expresou as súas “sospeitas” de que o alcalde olívico non comparecerá na comisión, aínda que insistiu en que debe facelo porque “en Vigo houbo moita elocuencia e pouca prudencia” antes da celebración do festival e, polo que deduce o PP das declaracións doutros comparecentes, “mesmo puido haber algunha neglixencia” con respecto ao cumprimento da Lei de Espectáculos de Galicia.
“Ímoslle a esperar cos brazos abertos, estamos ansiosos por saber que vai contar, e temos moitas cousas que preguntarlle”, indicou Teresa Egerique, quen subliñou que Abel Caballero terá unha quenda de intervención na comisión que durará “máis tempo” do que el mesmo dedicou ata agora a dar explicacións do accidente.
