A Audiencia de Pontevedra ordenou a citación, a través da Policía, de V.F.B., cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que estaba citada como testemuña para comparecer este martes no xuízo que se segue sobre o seu suposto ‘enchufe’ nunha concesionaria municipal de Vigo, e non se presentou.
Tras constatar a ausencia desta testemuña, o presidente do tribunal ordenou que lla volva a citar, esta vez a través da Policía, para este mércores ás 10,00 horas.
Así mesmo, o maxistrado ordenou que se indique a “advertencia expresa” de que poderá ser sancionada con multa de ata 5.000 euros e que “se persiste” na súa incomparecencia, pode incorrer “nun delito de desobediencia grave”.
Na vista que comezou este martes xúlgase a un alto funcionario do Concello de Vigo, Francisco Javier G.O., e ao que era xerente da concesionaria Imesapi, Ramón C.A., acusados de prevaricación, malversación e falsidade documental.
A Fiscalía sostén que ambos idearon un plan para “aparentar” a contratación de V.F.B., “persoa moi afín a un membro do goberno local”, por parte da concesionaria. Para sufragar a nómina desta persoa, o Concello encargou á empresa, por medio de contratos menores, a elaboración de varias enquisas e estudos que, segundo o ministerio público, foron facturados, pero nin a cuñada de Silva nin Imesapi foron os seus autores.
O xuízo iniciouse coa presentación das cuestións previas e coas declaracións de Francisco Javier G.O., para quen a Fiscalía pide 8 anos de cárcere e 30 de inhabilitación; e de Ramón C.A., para quen pide 7 anos de prisión.
O funcionario vigués explicou que o departamento de Participación Cidadá encargou a Imesapi, porque se cría que tiña a capacidade e persoal para iso”, a elaboración dunha serie de enquisas sobre a calidade dos servizos, e que dito encargo procedía unha orde xeral do goberno municipal, a través do edil do departamento, Santos Héctor Rodríguez.
No entanto, matizou que “nunca” impuxo a contratación da cuñada de Carmela Silva e tamén negou que planificase a elaboración desas enquisas como modo de compensar economicamente Imesapi polo custo salarial que supuña manter a V.F.B. na concesionaria.
Segundo explicou, esta traballadora desempeñou labores de apoio na unidade de Queixas e Suxestións do Concello, aínda que “non quedou pegada” do seu traballo, e engadiu que ignora quen elaborou as enquisas encargadas a Imesapi.
Finalmente, xustificou que fose el quen propuxese os orzamentos das distintas enquisas, en lugar da propia empresa, alegando que se cinguía aos “prezos de mercado”, uns prezos que, neses contratos, oscilaron dos 9,5 aos 23,25 euros por enquisa.
O outro acusado, Ramón C.A., incidiu na súa declaración en que a contratación de V.F.B. para a elaboración desas enquisas se fixo”por indicación do Concello”, aínda que sinalou que non recorda quen lle deu esa instrución. “Esta persoa xa traballara nos centros cívicos facendo substitucións, e desde o Concello pedíronnos que continuase”, declarou.
Ramón C.A. tamén explicou que a concesionaria non tiña “ningún control” sobre os traballadores que estaban nos centros cívicos, nin sobre a cuñada de Carmela Silva, de quen descoñecía o tipo de traballo que facía ou incluso o lugar físico onde desempeñaba os seus labores.
O que fose xerente de Imesapi, no entanto, si recoñeceu que o encargo das enquisas foi a forma en que o Concello abonaba á empresa os custos laborais da contratación de V.F.B., que faría traballos alleos ao prego” dos centros cívicos.
“Faciamos as facturas segundo as instrucións do xefe de servizo, pero Imesapi non fixo nin as enquisas nin os informes. A primeira vez que as vin, foi durante a instrución da causa”, incidiu.
Finalmente, proclamou que a concesionaria “non gañou diñeiro” coa contratación da cuñada de Silva. “Oxalá non fixésemos ese contrato nunca”, lamentou.
Nesta primeira xornada de xuízo tamén declararon, como testemuñas, o portavoz da plataforma Xuntos, que interpuxo a denuncia inicial, Carlos González Armada; o extrabajador de Imesapi, J.A.M.B., quen confirmou a contratación de V.F.B. por indicación municipal; e o concelleiro de Emprego (e no momento dos feitos tamén de Participación Cidadá), Santos Héctor Rodríguez.
O edil socialista ratificou que a elaboración de enquisas de calidade do servizo foi “unha decisión de goberno” e que el mesmo trasladou a Francisco Javier G.O. o encargo, en función da disposición de remanentes.
Con todo, Santos Héctor Rodríguez matizou que “nunca” interveu para que Imesapi contratase á cuñada da súa compañeira de goberno para facer esas enquisas. “Nunca me dirixín a eles para indicarlles a quen contratar”, asegurou, á vez que afirmou que, no momento en que se asinaron os contratos coa empresa non coñecía a V.F.B., nin a súa relación de parentesco con Silva.
O concelleiro sinalou que non estaba ao tanto da tramitación administrativa dos contratos, e tampouco de como se elaboraron esas enquisas que, en todo caso, apuntou, foron “moi útiles” para mellorar os diferentes servizos do seu departamento.