Alkaly e Fátimatou, dous nenos procedentes de Guinea, serán atendidos en Galicia a través do programa ‘Viaxa cara á Vida’, da Fundación Tierra de Hombres. Concretamente, Alkaly será trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro para ser intervido, segundo informou a organización.
Isto é posible grazas ao acordo de colaboración que mantén a fundación con este centro sanitario na cidade viguesa. Acompañaralle nesta viaxe, Fátimatou, de nove anos, afectada dunha grave cardiopatía conxénita, á que esperan no Hospital Universitario Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña. Neste caso, o acordo de colaboración xa existe dende hai uns 20 anos.
Ambos menores vivirán cunha familia de acollida seleccionada pola fundación mentres permanezan en España para a operación e posterior recuperación. Os nenos farán escala no aeroporto de Madrid, onde estarán atendidos polo voluntariado de Tierra de Hombres.
O programa ‘Viaxe cara á Vida’ facilita desde 1995 o traslado a España de nenos e nenas procedentes de países africanos cun baixo índice de desenvolvemento, para ser intervidos de diferentes e graves patoloxías, por carecer nos seus países de orixe das infraestruturas sanitarias especializadas e dos recursos necesarios para o seu tratamento.