InicioPolíticaCaballero respóndelle á Xunta sobre a auga: “Rueda e Ángeles Vázquez deben...

Caballero respóndelle á Xunta sobre a auga: “Rueda e Ángeles Vázquez deben ser os únicos que non se decatan dos problemas de abastecemento”

Volven propor a fórmula da mancomunidade e reitera que Vigo cobra a outros municipios pero non paga a Augas de Galicia.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta lembrou este venres ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que a auga “non é patrimonio exclusivo dun alcalde”, e insistiu en que a cidade olívica non lle fai “ningún favor” a outros concellos en materia de abastecemento, xa que estes pagan pola auga e polo seu tratamento. Así respondeu a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á carta remitida polo alcalde, na que insiste na necesidade de construír un segundo encoro no río Oitavén.

A conselleira lembrou que as competencias de abastecemento son municipais e que o apoio que a Xunta presta aos concellos non implica que esas competencias cambien de mans. “A Xunta estivo sempre ao seu lado, o que pasa é que el (Caballero) prefire o teatro do enfrontamento”, apuntou Ángeles Vázquez.

Tras lembrar que a auga “é de todos os cidadáns”, e non “patrimonio exclusivo dun alcalde”, a titular de Medio Ambiente sinalou que o Plan da Seca establece que, se Baiona precisa auga, conectarase ao sistema de Nigrán, que se abastece da presa de Zamáns, e matizou que non foi preciso levar a cabo ningún transvasamento desde a presa de Eiras a Zamáns.

Non é coherente tratar politicamente un recurso compartido, como é a auga, coma se fose patrimonio exclusivo dun alcalde. Non, é patrimonio dos vigueses, dos de Mos, de Ponte Caldelas ou de O Porriño. Vigo non lle está facendo un favor a ningún dos concellos, e tampouco llo está facendo a Baiona”, remarcou, antes de aclarar que Baiona, cando se conecta ao sistema de Nigrán, paga “tanto a auga bruta como o tratamento” e que o servizo “non é gratis”.

Segundo reiterou, “Abel Caballero non ten a exclusividade de uso da auga de Eiras nin da de Zamáns”, e apelou a “coidar” entre todos este recurso esencial. Ao respecto, volveu insistir na necesidade de reducir as perdas da rede, aínda que a auga almacenada neste momento permite “garantir” o abastecemento ata finais de ano.

Con todo, remarcou que, “antes de criticar a xestión da Xunta”, Abel Caballero debería revisar as perdas da rede municipal viguesa, que os informes do propio Concello sitúan por riba do 20%, “por enriba do límite legal”. “Se fixese ben o seu traballo, non perdería un mes de auga de cada catro”, espetou a conselleira.

VÁLVULAS DA PRESA DE EIRAS

Todas estas consideracións foron trasladadas tamén por carta remitida ao alcalde olívico. Na misiva, a conselleira tamén se refire ás acusacións de Caballero sobre a xestión das válvulas da presa de Eiras. Ángeles Vázquez respóndelle ao alcalde que “non se pode nin se debe confundir a cidadanía” sobre as competencias de cada administración e que, se ben a Xunta xestiona a presa, a manipulación desas válvulas é competencia municipal, tal e como quedou acordado en xaneiro de 2023.

“E foi o Concello o que non comunicou o seu deterioro, o que provocou que a Xunta tivese que actuar de urxencia por valor de 2,27 millóns de euros para evitar que esa falta de actuación puxese en risco o abastecemento”, expón a carta.

CABALLERO DEVOLVE AS CRÍTICAS

A ‘guerra da auga’ entre o goberno municipal de Vigo e a Xunta de Galicia continúa e, tras as declaracións da conselleira Ángeles Vázquez, lembrándolle ao rexedor olívico que a auga non é “patrimonio exclusivo” seu, agora Abel Caballero volve insistir en que é Vigo a que ten que resolver os problemas de abastecemento e das conducións de auga en municipios da contorna, como Baiona, Moaña ou Redondela.

En declaracións remitidas aos medios, ironizou sobre esa cuestión, preguntando que, se non é Vigo quen soluciona eses problemas, será “o Papa de Roma”. “Esta conselleira non se decata”, afirmou, tras sinalar que tanto Ángeles Vázquez como o presidente Alfonso Rueda “deben ser os únicos de Galicia que non se decataron que hai problemas de abastecemento”.

Por outra banda, Caballero negou que a rede de Vigo teña perdas superiores ao 20%, e insistiu en que esas fugas se reducen ao 6,3%, as menores “de Galicia e de España”. Con respecto á débeda por falta de pagamento do canon a Augas de Galicia, o alcalde de Vigo repetiu que, nestes momentos, ese cobro está recorrido, no marco dun contencioso administrativo que está pendente de resolución do Supremo. “Está recorrido, en tanto non o digan os tribunais a débeda é cero ou é que non se decatou de que quen decide son os tribunais e non é ela?”, engadiu.

ÚLTIMAS

A irmá de Humberto Baena pide a Caballero unha homenaxe oficial en Vigo

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados pola ditadura...

A Xustiza dá a razón aos feirantes do Porriño e anula parte das bases das festas do Cristo: outro ano sen atraccións

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra estimou parcialmente un recurso interposto pola...

Prisión para un home que ameazou cunha arma a unha muller e aos seus fillos na área de Vigo

A Garda Civil detivo na área de Vigo un home de 43 anos por...

Tres feridos leves nun accidente na Gran Vía de Vigo que terminou cun coche envorcado

Tres persoas sufriron feridas leves na noite deste domingo despois dun accidente entre dous...