O alcalde de Vigo, Abel Caballero, dixo este luns que a cidade contará de novo co oitavo xulgado de instrución “de forma inminente”, aínda que o PP local lembroulle que xa o verán pasado o rexedor dixo que estaría “en setembro ou outubro” de 2025. Nun audio enviado aos medios de comunicación, Caballero asegurou agora, nunha viaxe a Madrid, que o ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, confirmoulle que xa recibiu o informe sobre o decreto dos novos xulgados de instrución do Consello Xeral do Poder Xudicial, polo que agora estase traballando na elaboración da versión definitiva, que será aprobada “nas próximas semanas”. Nese decreto, dixo, restitúese a Vigo o xulgado de instrución número 8.
Estas declaracións tiveron rápida resposta da presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, quen lamentou que se confirmaron ” as sospeitas”, criticando que o decreto non se aprobará en xuño, como dixo en varias ocasións Caballero. “Primeiro deu a súa palabra de que en setembro ou outubro de 2025. Logo en maio de 2026, despois en maio ou xuño. Hai pouco asegurou varias veces que sería en xuño e ata se enfada cando o puñamos en dúbida. Pois hoxe deunos a razón por enésima vez. O decreto tampouco estará publicado este mes de xuño”, apostilou Luisa Sánchez nun audio enviado á prensa.
Ela pediulle ao alcalde que “deixe de falar por boca do ministro” e solicitou precisamente a Bolaños que aclare a situación, apuntando que está “máis preocupado por saír ao paso dos escándalos de corrupción do PSOE que dos recursos xudiciais que necesita Vigo”.
