A Real Academia Galega (RAG), a Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões, coa colaboración doutras institucións e entidades, celebran este luns varias actividades con motivo desa efeméride. Así, baixo o título ‘De aquí ou xerme saiu. Presenzas galegas de Camões’, ten lugar unha xornada que arrincou coa inauguración dunha exposición que exhibe, entre outros documentos, unha proba da “galeguidade” do tataravó do bardo luso. A xornada inclúe tamén a presentación dun libro de Xosé Manuel Dasilva sobre a relación de Camões con Galicia; relatorios sobre o autor; e un recital de poemas, coa participación de Marilar Aleixandre, Chus Pato, Fina Casalderrey, Ramón Nicolás, Cláudia Morán, Rexina Veiga e Henrique Monteagudo, e no que César Morán cantará ‘Verdes são vos campos’, na versión musicada de Zeca Afonso.
As actividades terán lugar na Casa Galega da Cultura, e a progamación do día culminará cunha ofrenda floral na Praza de Portugal, ante o busto de Camões. O comisario xeral adxunto da Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário, Joaquim Coelho, destacou que, cinco séculos despois, o poeta segue “interpelando” á sociedade, ao abordar cuestións como a diversidade cultural, o choque e diálogo entre pobos, a posta en valor do diferente, ou o pracer do coñecemento e a exploración”. Así mesmo, lembrou a conexión do autor con Galicia, coa “vella liñaxe das terras de Camos”.
Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, lembrou que a RAG xa celebrou con solemnidade o 400 aniversario do nacemento de Camões, en 1926, coa participación de invitados como o poeta Eugénio de Castro. “A xornada de hoxe enmárcase nesa liña de continuidade que una á Real Academia Galega coa cultura portuguesa desde os seus comezos”, subliñou, e engadiu que, nesa tradición, Camões sempre foi “atendido en recoñecemento da gran influencia que deixou” nas letras galegas. Mentres, Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol, convidou aos cidadáns galegos a achegarse a Camões e puxo en valor a “irmandade” desta Fundación coa cultura portuguesa “desde sempre”.
