InicioPolíticaUnha estatua a Iago Aspas, unha exposición de Julio Verne ou humanizacións...

Unha estatua a Iago Aspas, unha exposición de Julio Verne ou humanizacións de rúas, entre os créditos modificados en Vigo

PP e BNG critican que non se prioricen as necesidades máis urxentes da cidade e denuncian a falta de diálogo

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno municipal de Vigo aprobou este mércores definitivamente, cos votos a favor do PSOE e o rexeitamento de PP e BNG, unha modificación de crédito por importe de 15,6 millóns de euros con cargo a remanentes para finalizar obras e para outras actuacións no ámbito da vivenda, das políticas sociais e da cultura.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, foi o encargado de defender esta modificación de crédito e proclamou que a proposta de destino destes fondos é “para gobernar para toda a cidade”. A modificación de crédito servirá para sufragar o remate de obras (ou a certificación final de obra) de actuacións como a humanización da rúa Lepanto, a humanización de Pintor Lugrís, a renovación do Parque Camilo José Cela, as ramplas —cofinanciadas pola Deputación— de Pintor Colmeiro, a humanización de Pablo Iglesias, a humanización de Serafín Avendaño e o acceso ao ascensor HALO, a cuberta da pista deportiva de Zamáns ou a reforma da praza Fernando Elorrieta Rey.

Ademais, destinaranse diversas partidas a novas actuacións, como a adquisición dunha estatua para render homenaxe a Iago Aspas (300.000 euros), a celebración dos European Police and Fire Games (300.000 euros), a compra de báculos e placas identificativas de rúas (500.000 euros), melloras nos locais de asociacións de veciños (350.000 euros), unha aplicación informática para a xestión dos parques de bombeiros (case 26.000 euros) ou a organización dunha exposición interactiva sobre Julio Verne (1,38 millóns de euros).

Tamén haberá orzamento para atender o incremento de gasto no contrato de xestión da Escola Infantil de Bembrive (80.000 euros), o contrato do SAF (1,17 millóns), a reparación do muro de peche do complexo romano de Toralla (223.000 euros), ou para ampliar a partida destinada aos concertos de verán en Castrelos (1,2 millóns), entre outras actuacións.

Por outra banda, Jaime Aneiros insistiu en que non se aceptou ningunha das emendas dos grupos da oposición porque eran “ilegais”, e defendeu que as actuacións propostas con cargo a estes fondos son froito dun “diálogo constante con toda a cidade”.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

A voceira municipal do PP, Luisa Sánchez, lamentou que o goberno de Abel Caballero botase por terra a oportunidade de concentrar a inversión nas necesidades máis importantes dos vigueses, empezando polo acceso á vivenda. Ao respecto, incidiu en que boa parte da modificación de crédito é necesaria para rematar obras xa iniciadas, o que pon de manifesto que o goberno vigués “non planifica e non controla”.

Luisa Sánchez censurou que o Concello “execute o mínimo, xere remanente e pase a pelota ao ano seguinte”, e reprochou que, nos case 19 anos de goberno de Caballero, non se construíse nin unha vivenda pública. “Cada semana é un anuncio, cada mes un titular, e o resultado é cero”, constatou.

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén criticou que o goberno local non atendese nin as emendas dos grupos nin as alegacións presentadas por entidades veciñais, e que, a pesar das “inmensas necesidades” da cidade, insiste en “non atendelas”. O edil nacionalista tamén constatou que “se recada máis que nunca, prométese, presupóstase e logo non se executa”, ou faise tarde, e puxo como exemplo o aparcadoiro de Matamá, cuxas obras acaban de comezar e foron anunciadas “en 2022”.

ÚLTIMAS

Xulgan en Vigo unha muller acusada de estafar 6.800 euros cun falso aviso dun “fillo en apuros”

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará o...

A RAG abre en Vigo a Semana das Letras Galegas coa proxección dun documental sobre Begoña Caamaño

A Real Academia Galega (RAG) abre este luns en Vigo, cidade natal da homenaxeada...

Caballero acusa á Xunta de querer devaluar ás Illas Cíes por non defender que sexan Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este venres á Xunta de pretender "devaluar"...