Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a outras tres persoas pola súa presunta implicación nos altercados ocorridos nas horas previas ao partido entre o R.C. Celta e o Olympique de Lyon, disputado o pasado 12 de marzo na cidade olívica. Deste xeito, son xa cinco as persoas arrestadas polo sucedido na noite do 11 de marzo nun local de lecer da rúa Areal. Alí, unhas 30 persoas encapuchadas e armadas con paus, que os investigadores identifican como membros das ‘Tropas de Breogán’, abordaron a un grupo de seguidores franceses e emprendérona a golpes con eles.
Segundo sinalaron fontes policiais, os agresores, “para evitar ser identificados“, vestían con roupa escura, carapucha e pasamontañas, e causaron diversas feridas inciso contusas a tres afeccionados do equipo galo, ademais de ocasionar danos graves no establecemento hostaleiro. O propietario do local, para evitar males maiores, deu orde de bloquear as portas de acceso pero, ao comprobar que estaba pechado, os encapuchados comezaron a golpear os cristais e as portas con paus para tratar de acceder ao interior.
Ao non poder entrar, acabaron por fuxir do lugar á carreira, en pequenos grupos e en diferentes direccións, para dificultar a acción dos axentes policiais que se dirixían á zona. Aos detidos, a Policía impútalles os delitos de lesións, desordes públicas e danos. As investigacións continúan abertas e non se descartan novos arrestos.
