O sindicato CIG solicita unha reunión coa conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, para abordar o “futuro do naval vigués” tras a retirada da concesión portuaria a Estaleiros San Enrique (na antiga Vulcano) e a rescisión do contrato de Uruguai con Cardama, e urxe a posta en marcha dun plan con medidas específicas para o sector.
Nun comunicado, o sindicato nacionalista advertiu das consecuencias que a decisión do goberno de Uruguai pode ter no conxunto da industria naval da ría de Vigo, xa que se pode perder actividade, carga de traballo e ponse en risco o mantemento de instalacións vinculadas á construción naval.Con respecto a San Enrique, tras a decisión do Consello de Administración do Porto de liquidar a concesión, a CIG pediu que se garanta a continuidade das instalacións para esta actividade.
A CIG alertou contra o “proceso de desmantelamento” do naval nos últimos anos, con perda de emprego e de empresas, polo que volveu a reclamar á Xunta un plan industrial “que garanta o futuro do sector” en Vigo e en Galicia. “A construción naval non pode deixarse só da man das dinámicas do mercado, nin da capacidade individual de cada empresa: require unha estratexia pública clara e os investimentos e planificación necesarias para garantir a supervivencia dun sector exemplo de capacidade produtiva, emprego cualificado e soberanía industrial”, dixo a central.
