O BNG de Vigo esixiu un “cambio radical” no modelo de transporte urbano da cidade tras analizar os datos de uso dos últimos anos. Segundo apuntan os nacionalistas nun comunicado, o servizo de autobús perdeu 1,3 millóns de viaxeiros desde o ano 2019, unha cifra que cualifican de “alarmante”. Para a formación nacionalista, esta caída non é froito do azar, senón da “precarización continua” dun sistema que, ao seu xuízo, non ofrece unha alternativa real ao uso do vehículo particular.
O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou directamente como causas principais o “recorte” de 250 frecuencias diarias aplicado desde a pandemia, a desregularización dos horarios e o mantemento dun mapa de liñas “obsoleto” que non responde ás necesidades actuais da veciñanza. “Con menos buses circulando, con peores horarios e con este mapa é imposible que aumente o uso”, criticou Igrexas, incidindo en que a calidade actual do servizo está moi lonxe de ser competitiva.
Ademais, o BNG advertiu de que esta situación non se vai reverter coas condicións do novo contrato que prevé licitar o goberno local. Segundo o portavoz nacionalista, os pregos da futura concesión non contemplan un incremento no número de vehículos nin de condutores, o que na práctica “impide recuperar as frecuencias recortadas e mellorar os horarios”. Para Igrexas, sen un aumento real dos medios materiais e humanos, o autobús urbano de Vigo seguirá perdendo peso fronte ao coche privado.
