Decenas de persoas concentráronse na mañá deste xoves en Vigo tras a sanción a unha empregada dunha escola infantil pública da Xunta de Galicia por informar a unha nai dunha presunta mala praxe levada a cabo, supostamente, por unha educadora do centro. A protesta levou a cabo ante as instalacións da Escola Infantil Rosalía de Castro, situada no barrio de Coia, despois de que o Goberno galego abrise expediente a unha traballadora do centro por avisar á nai dunha alumna sobre un suposto caso de acoso ocorrido en marzo do ano pasado.
Segundo relatou a propia amoestada, Eva Pallas, ela decatouse do sucedido a través doutra traballadora, que lle contou que vira un caso de mala praxe dunha educadora cara a unha nena. Á saída do centro, a nai da alumna presuntamente acosada preguntoulle directamente se ocorrera algo ao notar á filla nerviosa. Por iso, ela contoulle o que sabía e avisaron tamén á directora do centro. En concreto, tal como explicou o secretario xeral do sindicato CUT, Ricardo Castro, unha das educadoras encerraría á nena no baño para tratar de que deixase de chorar.
Tiveron que pasar varios meses ata que a traballadora recibiu unha notificación de apertura de expediente sancionador por contar á nai o ocorrido. En principio, acusábaselle de non cumprir o protocolo, pero ao decatarse de que este non existía, a sanción xustificouse por saltarse o deber de confidencialidade. Tanto a afectada como o sindicato consideran que é deber do empregado público informar ás familias se se é preguntado directamente e cualifican a situación como unha “clara práctica de coacción”.
Finalmente, a sanción quedou nunha amoestación leve por escrito, pero os manifestantes solicitaron á Xunta a revogación da mesma e a creación de protocolos de actuación claros ante situacións similares. Polo momento, descoñécese se a educadora implicada nos feitos, que xa non traballa no centro, sufriu algunha represalia pola súa conduta cara á menor.
