A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, celebrou que a semana que vén asinarase “por fin” o convenio co Concello de Vigo e a Zona Franca para a urbanización do viario principal da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), aínda que afeou ao alcalde, Abel Caballero, o “oito meses de atraso”.
Nunha visita á cidade olívica levada a cabo na mañá deste martes, Allegue comprobou o grao de execución das “únicas” obras que agora mesmo se están acometendo na zona, tratándose dun ámbito de titularidade da Xunta que albergará futuros usos como a residencia da terceira idade da Fundación Amancio Ortega (que xestionará o Goberno galego).
Ademais, a conselleira reivindicou que “por fin” a semana que vén poderá asinarse o convenio para a urbanización do viario principal, tras meses de “inacción” do Concello olívico, que aprobou nos últimos días o documento, tras ser enviado pola Xunta en maio do ano pasado. Así, lembrou que ese viario é titularidade do Concello e será urbanizado grazas a financiamento 100% autonómica, con 10,5 millóns de euros.
“Xa foi no verán do 2024 cando tres administracións nos comprometemos á formalización deste convenio: Concello, Zona Franca e Xunta”, subliñou, mediante o cal o Consorcio executaría as obras, Goberno autonómico poría o financiamento e o goberno local facilitaría os terreos.
