O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este luns o impacto acadado pola campaña turística presentada pola cidade en Fitur. Baixo o lema ‘Un Nadal de 365 días’, a proposta viguesa superou os 1,6 millóns de visualizacións en redes sociais, unha cifra que o rexedor trasladou hoxe a través de declaracións remitidas aos medios de comunicación.
Caballero detallou que a campaña, que incluíu a divulgación dun vídeo oficial e diversas accións dixitais, acadou un total de 1.674.000 visualizacións sumando os diferentes perfís institucionais e persoais do alcalde. Por plataformas, as cifras foron as seguintes: Instagram liderou o impacto con 662.000 visualizacións, seguida de TikTok con 473.000, Facebook con 329.000 e YouTube con 210.000.
O rexedor vigués subliñou o “crecemento continuo” da presenza da cidade no ámbito turístico dixital. Segundo lembrou, o impacto en 2024 fora de medio millón de visualizacións e en 2025 de millón e medio, polo que as cifras de 2026 confirman unha tendencia á alza. Para Caballero, estes datos demostran que Vigo, como atractivo turístico, non só mantén toda a súa forza, senón que “a incrementa ano a ano”.
