O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable iniciará este venres obras de modernización no túnel de Candeán, na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo, para o que será necesario pechar un dos ‘tubos’.
Así, vanse a realizar os traballos previos para a escavación de galerías de interconexión para saídas de emerxencia nos túneles de Candeán, situados entre os quilómetros 154 e 155 da AP-9, en Vigo.
Para garantir a seguridade dos traballadores e os usuarios, desde as 20.00 horas deste venres e ata as 6.00 horas do próximo luns permanecerá pechado o tubo que alberga a calzada en dirección Tui-Portugal. Co fin de asegurar a fluidez do tráfico, manterase operativo un carril por sentido no outro ‘tubo’.
Estas obras enmárcanse nun plan de modernización dos túneles da AP-9, con melloras nos túneles de Candeán, A Madroa e Teis, na provincia de Pontevedra, e os de Montecelo, Campolongo, Pedra do Couto e Sartego, na provincia da Coruña. As obras contan cun orzamento de case 32,3 millóns de euros, con cargo aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
