O equipo de investigación tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra investiga a un home de 45 anos e unha muller de 40, ambos veciños de Salamanca, como presuntos autores de estafa continuada e usurpación de estado civil.
As pescudas iniciáronse en febreiro de 2024 tras recibir un aviso dun establecemento comercial da provincia de Pontevedra, que alertaba de pedidos ‘online’ con características sospeitosas. A Garda Civil comprobou que os investigados realizaban compras a través da páxina web do comercio e, unha vez formalizados os pedidos, chamaban para cambiar a dirección de entrega, redirixindo os artigos a distintos puntos de Salamanca, onde finalmente recibían as mercadorías.
Para evitar ser identificados, anulaban o pago e empregaban datos de terceiras persoas alleas aos feitos, incorrendo nun delito de usurpación de identidade. As mesmas prácticas realizábanse en diferentes páxinas web de artigos deportivos en varios puntos de España. A análise da información permitiu identificar aos presuntos autores, ambos con antecedentes policiais. O prexuízo económico total para a pasarela de pago afectada na provincia superou os 16.000 euros, motivo polo cal presentou denuncia. As dilixencias instruídas foron remitidas ao Tribunal de Instancia, sección civil e instrución, de Cangas do Morrazo.
