InicioVigo e contornaVigoCaballero anuncia a creación dunha Empresa Municipal para un "plan de choque"...

Caballero anuncia a creación dunha Empresa Municipal para un “plan de choque” e garantir o acceso á vivenda

O alcalde xustifica as medidas ante a "inacción absoluta" da Xunta de Galicia

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres a constitución dunha Empresa Municipal de Vivenda (EM Vigo), á que se destinarán 4,5 millóns de euros, e que se enmarca dentro dun “plan de choque” para garantir o acceso á vivenda na cidade dotado con 11 millóns de euros.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico explicou que a empresa pública EM Vigo “encargarase de promocionar vivendas dedicando especial atención a vivendas de protección”. Así, o seu obxectivo será a tramitación, administración e execución de convenios e acordos para a xestión, para a promoción ou para a rehabilitación de vivendas”.

Esta entidade municipal tamén ofrecerá asesoramento aos cidadáns e encargarase da promoción, construción, comercialización, arrendamento, explotación e xestión de calquera tipo de protección inmobiliaria “para facilitar vivendas a prezos alcanzables aos cidadáns”, segundo explicou Caballero.

Por outra banda, tamén fará labores de redacción de plan, consultoría técnica e levará a cabo un programa de captación de vivendas baleiras, “garantindo aos propietarios a percepción de rendas”. A iso súmase a compra de vivendas baleiras para destinar a aluguer a prezo taxado, e a adquisición de chan para facilitar a contrucción de vivenda.

OUTRAS MEDIDAS

Esta medida forma parte dun plan de choque que tamén contempla destinar 2,5 millóns de euros para adquirir vivendas baleiras e de baixos para facer vivendas públicas de aluguer. Deste xeito, o Concello adquirirá vivendas baleiras en Vigo, e asinaranse convenios con empresas e organismos para mellorar o acceso á vivenda; esas vivendas terán uns prezos máximos dependendo da zona onde estean.

Outra das medidas previstas é a expropiación da parcela de Afansa, xa anunciada hai un tempo por Caballero, á que se destinarán 3 millóns de euros. Nese ámbito, o Concello instalará o Parque Central de Santa Cristina de Lavadores, e na parcela de Santa Cristina construiranse máis de 200 vivendas “a prezo taxado e alcanzable”, ben en venda ou ben en aluguer.

VIGO ALUGA

Por último, Abel Caballero anunciou a posta en marcha do programa chamado Vigo Aluga, dotado cun millón de euros, co fin de incorporar vivendas ao mercado de aluguer, cuxos propietarios teñen reticencias. Esta iniciativa suporá unha cesión das vivendas ao Concello (sen que os propietarios deixen de ser os titulares dos inmobles), que as porá en aluguer, e que garante aos donos dos pisos que cobrarán unha renda mensual, estea ou non alugada a vivenda.

O pago desta renda estará dentro dos límites establecidos para zonas tensionadas, e o Concello terá unha listaxe de demandantes de vivenda en aluguer e poderá adxudicar as vivendas, de maneira que as familias non paguen máis do 30 % dos seus ingresos. O aluguer será temporal, por un prazo de cinco anos.

“Estamos a pór en marcha un programa de vivenda da maior importancia”, proclamou o rexedor olívico, que insistiu en que “isto é unha competencia da Xunta”, pero que o Concello decidiu actuar ante a “inacción absoluta” do goberno autonómico.

Este plan de choque financiarase con cargo á ampliación orzamentaria que o goberno local prevé aprobar a próxima semana, ‘tirando’ de remanentes para pór en marcha tanto estas actuacións como outras. “Isto son feitos”, sentenciou Abel Caballero.

PPdeG CELEBRA QUE CABALLERO ANUNCIE PLAN DE CHOQUE EN VIVENDA

Os grupos da oposición no Concello de Vigo, PP e BNG, celebraron o anuncio feito este venres polo alcalde, Abel Caballero, que avanzou a posta en marcha dun plan de choque para facilitar o acceso á vivenda e a creación dunha Empresa Municipal de Vivenda. Con todo, piden que as medidas anunciadas “non queden só nun titular”.

Así, o portavoz municipal do PP, Miguel Martín, destacou que o rexedor “ao fin” fixo caso das súas demandas para crear unha empresa municipal de vivenda, do mesmo xeito que fixeron outras cidades de España. “Aínda que se fixo de rogar por fin deuse conta de que esta sociedade pública municipal é unha necesidade, tal e como o Partido Popular de Vigo levaba no seu programa electoral”, proclamou.

Por outra banda, tamén valorou que Caballero “recoñecese que ten competencias en materia de vivenda, cando se pasou anos renegando das competencias que a Lei de Bases do Réxime Local outorga a todos os concellos de España”. “É máis, nun exercicio de auténtico delirio chegou a reclamarlle esas competencias á Xunta de Galicia, que é a única administración que a día de hoxe está a actuar de forma decidida neste ámbito”, incidiu Miguel Martín.

FALTA DE AMBICIÓN

Pola súa banda, o BNG tamén se referiu a a “rectificación” do goberno local, aínda que criticou que o plan de choque anunciado adoece de “falta de ambición”, xa que “deixa fóra” moitas das medidas propostas polo grupo nacionalista e que foron aprobadas polo Pleno “hai máis de 15 meses”. Tratábase de medidas “concretas con efectos verificables” para atallar a subida dos prezos de aluguer, facilitar o acceso social á ivienda e frear a “ameaza ultraespeculativa” dos pisos turísticos.

“Falamos do principal problema social da nosa cidade (…) e a resposta de Abel Caballero, que chega tarde, é destinar menos do 2,75 % do orzamento”, sinalou o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que engadiu que “despois de 8 anos de brazos caídos”, o alcalde “recoñece agora que o Concello pode e deber facer moito en favor de garantir o primeiro dereito da cidadanía”.

ÚLTIMAS

Convocada folga indefinida no provedor de automoción Akwel Vigo tras varios despedimentos e un futuro incerto

O comité de empresa da planta de Akwel Vigo, provedor da industria de automoción,...

Un home detido por unha suposta agresión á súa parella

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron o pasado mércores a un veciño da...

O Concello de Vigo “garante” que haberá festas en Coia

O Concello de Vigo "garante" que haberá festas no barrio de Coia, tras reunirse...

Detido en Vigo un home por unha presunta agresión sexual a un menor nos baños do Centro Comercial Vialia

Un home foi detido na tarde deste pasado xoves en vigo por supostamente agredir sexualmente...