O cantante Mondra musicará no Festival de Cans a cinta muda ‘Miss Leyda’, película de 1916 considerada a primeira obra de ficción rodada en Galicia e na que actúa Alfonso Castelao. A actuación será un dos grandes atractivos do festival, explican nun comunicado, e forma arte das accións especiais que prepara o certame para celebrar o Ano Castelao, que conmemora os 75 anos do falecemento dunha das figuras máis influentes da cultura galega.
Terá lugar na tarde do venres 23 de maio, con aforamento reducido só para 90 persoas e un prezo de cinco euros a entrada, que se pode comprar desde este mércores na web oficial do festival. A actividade terá lugar no Baixo de Bugarín, “un dos espazos máis emblemáticos e auténticos do festival”.
A cinta conta a historia de Miss Ledya, “fermosa e excéntrica señorita norteamericana”, que chega a Pontevedra acompañada do seu pai, un rico financeiro. A moza alóxase no hotel da Illa da Toxa, onde están de incógnito os reis de Suavia, ameazados polos anarquistas. A película está protagonizada por Fefa Ximénez de Sandoval e entre os 16 actores e actrices principais do elenco figura Alfonso R. Castelao, que encarna ao pastor protestante.