InicioMovementos Sociais"O feminismo muda a historia', lema da mobilización de Resposta Feminista para...

“O feminismo muda a historia’, lema da mobilización de Resposta Feminista para este 8M en Vigo

A plataforma di que a mobilización é "apartidista" e chama a participar a todas as que queiran sumarse.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A plataforma Resposta Feminista presentou este xoves en Vigo a mobilización que levarán a cabo o sábado con motivo do 8M, cando sairán á rúa en manifestación baixo o lema ‘O feminismo muda a historia, sen loita non hai futuro’. A marcha convocada por esta plataforma, que aglutina a decenas de mulleres individuais e entidades feministas da cidade, sairá ás 18,30 horas desde Praza de España e finalizará na Porta do Sol.

Unha das portavoces da plataforma, Mónica Bernárdez, matizou que a entidade está desvinculada de siglas políticas e ten “un compromiso claro de representar e loitar polas mulleres máis vulnerables”. “Orgullosas do que a loita feminista conseguiu e enérxicas na loita do que queda por facer”. Segundo lembrou, este ano cúmprese o 30º aniversario do IV Conferencia da Muller de Beijing, na que se marcaron unhas áreas de traballo que “continúan vixentes”. Neste 8M, explicou Bernández, Resposta Feminista quere pór o foco no “papel transformador” do movemento feminista, nos dereitos e recursos conquistados “polo traballo incansable de moitas mulleres loitadoras”.

“MOITO TRABALLO POR FACER”

Con todo, outra das portavoces, Noemí Fernández, advertiu de que “queda moito traballo por facer” e por iso fixo un chamamento a saír á rúa este sábado para “seguir loitando” contra a explotación das mulleres, desde o punto de vista sexual, laboral ou como ventres de aluguer; en favor da coeducación; pola igualdade real no deporte (con mención especial á reivindicación do club feminino de futbol de Sárdoma); ou contra todas as discriminacións que sofren as mulleres.

Tras criticar a privatización de servizos públicos de atención ás mulleres, trasladaron a súa solidariedade coas mulleres migrantes e coas mulleres gazatíes “ante o xenocidio que están a sufrir”. Finalmente, advertiron de que non permitirán que a “ameaza fascista” e os seus “discursos retrógados” devolvan ás mulleres “ao silencio” e destrúan os avances sociais conseguidos polo feminismo.

ROTEIRO FEMINISTA

Ademais da manifestación, a plataforma organizou un ‘roteiro feminista’ por varias rúas do centro e a contorna do monte do Castro. Os actos comezarán ás 12,00 horas na sede da asociación Nós Mesmas (Torrecedeira 19), cunha sesión vermú co Bingo MUSIFEM. A partir das 13,30 horas haberá un xantar comunitario na sede da Morada (Enrique X. Macías 6) e ‘micro aberto’ ao terminar. Desde aí, as participantes camiñarán xuntas cara a Praza de España para iniciar a manifestación. Tras a marcha, finalizarase o percorrido no CS A Revolta, na Rúa Real, cun ‘karaoke feminista’. Por outra banda, este venres levarán a cabo unha acción reivindicativa, colocando os tradicionais mandís nas estatuas masculinas da cidade para denunciar a falta de referentes femininos. “Son moitas as mulleres ás que recoñecer, e a masculinización das estatuas viguesas é innegable”, sinalaron.

ÚLTIMAS

Polo menos un detido nun operativo policial con rexistros en Vigo e Cangas vinculados a un suposto secuestro

Axentes da Garda Civil detiveron a unha persoa nun operativo desenvolvido nas últimas horas, coordinado polo xulgado...

Aprobada ampliación da A-52 en túnel nunha tensa sesión entre pitos e berros de veciños de Bembrive

O pleno de Vigo aprobou este xoves, só cos votos a favor do PSOE...

O PSOE pediu en 2018 a supresión da peaxe entre Vigo e O Porriño, que agora rexeita, e o PP afea a súa “hipocrisía”

O goberno municicipal de Vigo presentou en 2018 unha moción ao pleno, que foi aprobada por...

Desarticulan en Vigo unha banda organizada colombiana que roubaba en vivendas de cidadáns chineses donos de bazares

A Policía Nacional desarticulou unha banda organizada colombiana que se dedicaba a entrar en...