InicioPolíticaSilva di que no "PP de Vigo manda a alcaldesa de Mos"...

Silva di que no “PP de Vigo manda a alcaldesa de Mos” que non quere o novo tramo A-52

Os 'populares' insisten en que é viable un novo trazado con menos impacto e liberar a peaxe mentres non estea listo

PUBLICADO O

- Advertisement -

A tenente de Alcalde de Vigo e senadora socialista, Carmela Silva, volveu a arremeter este venres contra o PP a conta do novo trazado da A-52, e advertiu de que esta obra é “irrenunciable”, á vez que constatou que “no PP de Vigo manda Mos, manda a alcaldesa de Mos”.

Silva fixo estas consideracións nunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios, tras o almorzo informativo protagonizado pola rexedora de Mos (e tamén senadora), Nidia Arévalo, no Círculo de Empresarios, onde remarcou que a nova A-52 non atallará o problema de sinistralidade da actual autovía porque só absorverá un terzo do tráfico, sen dar servizo nin solución aos parques empresariais da zona, e onde volveu a pedir, como alternativa, eliminar a peaxe da AP-9 entre Puxeiros e O Porriño.

Carmela Silva atribuíu as críticas dos ‘populares’ ao feito de que “non soportan” que Abel Caballero sexa “o alcalde máis votado de España”, “querido e admirado en todo o Estado”, tras pór a Vigo “no mapa” con eventos como o Nadal. “Antes de Abel Caballero, as alcaldesas e alcaldes encartábanse a outras administracións, agora non. O alcalde de Vigo fai que se nos respecte”, proclamou a tenente de Alcalde.

Por outra banda, tachou de “barbaridades” as palabras de Nidia Arévalo ante os empresarios, e constatou que “ata agora no PP de Vigo mandaban Rueda e o exalcalde de Rodeiro (en alusión ao presidente provincial do PP e presidente da Deputación, Luis López), e agora manda a alcaldesa de Mos”.

En calquera caso, reclamou a “a nova presidenta do PP de Vigo”, Luisa Sánchez, que “dea explicacións de por que permite que a alcaldesa de Mos sexa quen manda no PP vigués”.

“O novo proxecto da A-52 é irrenunciable, é imprescindible, é un gran proxecto de alta calidade técnica que facilitará a comunicación con Madrid e evitará accidentes, feridos e falecidos”, remarcou Carmela Silva que cualificou como “despropósito” a alternativa exposta por PP (e BNG) de eliminar a peaxe da AP-9: “Vinte quilómetros, vinte minutos, curvas perigosas, interconexións que non teñen capacidade nin trazado para asumir 63.000 vehículos diarios que xa van agora pola A-55”.

“PROLONGACIÓN SI, PERO NON ASÍ”

Pola súa banda, o grupo municipal do PP no Concello de Vigo lamentou que “o PSOE fixo hoxe o mellor que sabe facer, mentir“, xa que o PP non se opón a unha nova A-52 e, de feito, a primeira proposta respecto diso foi en 2018, con Mariano Rajoy no Goberno.

“No PP de Vigo repetímolo por activa e por pasiva. Si á prolongación da A-52. Si, pero non así. Porque unha prolongación con menos afeccións e menos expropiacións é posible”, explicou o portavoz municipal, Miguel Martín, que engadiu que “é posible tamén levantar a peaxe da AP-9 mentres tanto”.

ÚLTIMAS

A Plataforma fronte á Masificación Turística pide unha moratoria de licenzas para VUT

A Plataforma fronte á Masificación Turística de Vigo e O Morrazo dirixiuse por carta...

O PP de Vigo pide a Caballero que deixe as “ambigüidades” sobre a biblioteca de Teis

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu ao alcalde, Abel Caballero,...

O BNG volve pedir a retirada do busto de Juan Carlos I da entrada do Concello de Vigo

O BNG de Vigo volveu a reclamar este luns a retirada "permanente e definitiva"...

Detido en Vigo por ameazar cun coitelo a outro home durante unha pelexa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 25 anos de...