SOS Sanidade Pública pediu este venres ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que poña en marcha unha unidade de queimados na área de Vigo para evitar o traslado de pacientes á Coruña.
En rolda de prensa, o portavoz da plataforma, Manuel González Moreira, lamentou a situación que vive a cidade olívica e a súa área, ao estar “infradotada” de actividades de “alta especialización”, que son as que “marcan a diferenza” ao estar compostas por profesionais de “alta cualificación” e de tecnoloxías innovadoras.
“As consecuencias de que a área de Vigo non teña estes servizos coñecémolas co déficit de recursos que temos neste momento. Por exemplo, os transplantes”, engadiu Moreira, indicando que en Vigo só realízanse transplantes de córnea e de medula, mentres que en Santiago e na Coruña fanse tamén de riles, de páncreas e de fígado, mesmo de pulmóns e de corazón nesta última.
“A repartición de onde se fan os transplantes, que é algo que necesita tamén alta tecnoloxía, profesionais altamente cualificados está repartido dunha maneira máis intensa no norte que no sur”, explicou, criticando que a Consellería de Sanidade xustifique esta distribución por cuestións de planificación sanitaria e calidade asistencial.
Para SOS Sanidade Pública, esta asignación pretende favorecer certas áreas sanitarias por razóns de “presión política” ou de “tráfico de influencias”, o cal xera consecuencias “económicas”, xa que se dota de menos recursos ás áreas con menos servizos especializados.
UNIDADE DE QUEIMADOS
Por todo iso, insistiron en reclamar unha unidade de queimados en Vigo, despois de coñecerse que o hospital privado Ribera Povisa non seguirá sendo a unidade de queimados de referencia para a área, quedándose o sur de Galicia sen esta dotación.
“Povisa trataba queimados de ata certo nivel e os pacientes que pasaban ese nivel derivábanse á Coruña. Pero agora, co novo acordo de prestación de servizos, anúnciannos que Povisa deixa de ter ese papel e que pasamos a depender toda a poboación da área Sanitaria de Vigo e de Ourense da Coruña“, apuntou o portavoz da Plataforma.
El lembrou que Vigo é a zona con maior actividade industrial de Galicia, con maior concentración de industrias que son as que teñen maior probabilidade de risco de queimados.
O SERGAS DI QUE HABERÁ UNIDADE PÚBLICA DE QUEIMADOS
O xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Ponte, asegurou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) traballa para dotar á cidade olívica dunha unidade pública de Queimados antes de que finalice este ano.
Así o sinalou ante os medios de comunicación nunha visita ás obras do novo centro de saúde Olimpia Valencia, situado no edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín de Vigo.
Alí, Ponte dixo que a idea é proporcionar a esta unidade da infraestrutura necesaria para que os pacientes de Queimados poidan ser tratados na cidade, polo que se traballa xa con UCI e con Cirurxía Plástica para que “antes de que acabe o ano” tela en funcionamento.
El lembrou que ata o mes que vén aínda estará operativa a unidade de Queimados de Povisa. Con todo, co novo contrato (que entrará en vigor en abril), o hospital privado deixará de dar este servizo.
Na actualidade, segundo informou, xa se atenden os Queimados pediátricos, mentres que para os pacientes con ata o 30% de superficie corporal queimada aínda está o acordo marco con Povisa ata o mes que vén. “Estamos a traballar xa na área para facela efectiva este ano”, sentenciou.
Todo iso precisamente no mesmo día no que a Plataforma SOS Sanidade Pública reclamou ao Sergas que instale en Vigo un servizo de Queimados, ao quedar o sur de Galicia sen esta especialidade a partir de que se actualice o acordo con Povisa en abril.