InicioSociedadeSanidade di que o CHUVI vivirá en 2025 "un ano de gran...

Sanidade di que o CHUVI vivirá en 2025 “un ano de gran crecemento

O conselleiro "non contempla" que Povisa non envíe unha oferta para o novo contrato antes do luns.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, “non contempla” que o hospital Ribeira Povisa de Vigo non envíe unha oferta para o novo contrato antes do luns, despois de ampliarse unha semana o prazo tras pedir o centro privado á Xunta aclaracións de dúbidas de interpretación da documentación.

En declaracións aos medios de comunicación, no marco dun almorzo informativo organizado por Executive Forum España en Vigo onde Caamaño foi o protagonista, o conselleiro dixo que “non contempla” a opción de que Povisa non envíe a súa proposta. “Eu non a contemplo. Se non hai unha oferta, xa veremos o luns”, indicou. Todo iso despois de que a finais de ano o Goberno galego autorizase lanzar o contrato con Povisa por case 195 millóns de euros e unha vixencia inicial de dous anos.

Con todo, o contrato sufriu un cambio importante: pasa de ser un concerto a un contrato de servizos, polo que debía saír a licitación e que a empresa se presentase ao proceso. Noutra orde de cousas, durante o evento, Gómez Caamaño avanzou que o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) vivirá en 2025 “un ano de gran crecemento“, con novos espazos para hospitalización, probas e tratamentos.

O titular da carteira sanitaria apuntou que o Álvaro Cunqueiro crecerá coa ampliación e a reforma da área da Unidade de Hospitalización a Domicilio, así como co novo Hospital de Día Médico, que se porá en marcha antes do verán e que incrementará un 30% o tratamento diario de pacientes con cancro.

OUTRAS MELLORAS

Outras melloras destacadas por Gómez Caamaño son o novo servizo de Cirurxía Maxilofacial no Meixoeiro, que está a empezar a traballar e que contará cun espazo “adecuado” a través dunhas obras que se licitarán “nas próximas semanas”. No seu discurso, o conselleiro puxo en valor o sistema sanitario galego “como o maior patrimonio colectivo”, insistindo na necesidade de “conservar o que se fai ben” e desenvolvelo en todas as áreas sanitarias de Galicia.

Así, falou de adaptar o sistema á realidade, tanto demográfica, como social e tecnolóxica, indicando que non teñen as mesmas necesidades os cidadáns que viven en contornas urbanas que no rural, que adoita ser poboación máis envellecida.

Entre os principais “fitos” que presenta o actual Servizo Galego de Saúde (Sergas), o conselleiro referiuse ao calendario de vacinación galego como “un dos máis completos do mundo”, destacando, ademais, que a Comunidade presenta unha das maiores taxas de inmunización do país. Así mesmo, subliñou o crecemento en doazóns de transplantes de órganos e a “redución ao mínimo histórico do número de pacientes en espera”.

Na mesma liña, mencionou como referentes a nivel nacional o programa de cribado neonatal, a historia clínica electrónica ou a redución das listas de espera en Galicia. Con respecto a estas últimas, admitiu que a súa deber é “traballar para continuar mellorándoas”, e sinalou este como un dos obxectivos en 2025.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...