InicioSucesosPiden dous anos de cárcere a un xefe en Vigo por acoso...

Piden dous anos de cárcere a un xefe en Vigo por acoso sexual a unha empregada con discapacidade psíquica

O ministerio público considera ao procesado autor dun delito de acoso sexual no ámbito laboral, e pide que sexa condenado a 22 meses de prisión, e que se lle inhabilite para o exercicio da súa profesión durante 21 meses.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un empresario, administrador dunha mercantil de servizos informáticos de Vigo, enfróntase a 22 meses de prisión como presunto autor dun delito de acoso sexual no ámbito laboral, e será xulgado este mércores na sala do Penal 1 da cidade olívica.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, durante varios meses, entre decembro de 2022 e xaneiro de 2023, o acusado dirixiuse a unha empregada súa, que se atopaba de baixa e á que se lle recoñeceu unha discapacidade psíquica e sensorial do 63 %, enviándolle mensaxes ou falándolle con termos que a degradaban e con propósito libidinoso.

Así, nunha comida de empresa á que acudiu a traballadora, nun momento en que ambos estaban sós na vía pública, díxolle que “nunca había follado con una discapacitada”. Igualmente, envioulle numerosas mensaxes co “ánimo de denigrar e cousificar” á súa empregada, con expresións como “mañá teño unha reunión moi importante e necesito que veñas, ti tamén me vas fallar?”, “follamos ou non? a ver hora? Ás 18,30 motel Caribe”, “covarde, frouxa”, “ao final, follamos ou non?”, “es xa menos válida? xa podes aparcar en zonas azuis?”, “o xoves quero follar contigo ata que camiñes como Bambi no xeo”, “xa, estás despedida”, etc.

Ademais desas mensaxes, en xaneiro de 2023 ambos mantiveron unha conversación telefónica, na que o xefe lle dixo: “vou insistir ata follarme á discapacitada e, se non, vou tomar medidas; non van facer caso a discapacitada que estivo nun louqueiro, o que quero eu consígoo”. Finalmente, a empregada foi despedida en marzo de 2023.

Segundo recolle o escrito de acusación pública, o informe forense reflicte que estes feitos produciron na muller unha reagudización sintomática do seu trastorno depresivo, que requiriu tratamento médico, e quedándolle como secuelas ansiedade, empeoramento clínico fluctuante, parasomnias ou agravación de condutas evitativas.

Por outra banda, a Fiscalía sinala que “non consta” que a empresa do acusado dispuxese dos protocolos obrigatorios de prevención e control de acoso sexual nin que, de telos, se activasen neste caso.

DELITO E PENAS

O ministerio público considera ao procesado autor dun delito de acoso sexual no ámbito laboral, e pide que sexa condenado a 22 meses de prisión, e que se lle inhabilite para o exercicio da súa profesión durante 21 meses.

Tamén reclama que se lle impoña a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 3 anos, a medida de liberdade vixiada por tempo de 2 anos e inhabilitación para desempeñar oficio ou actividade que implique relación con menores durante 3 anos e 10 meses.

Igualmente, pide que a empresa abone unha multa de 28.350 euros, e que tanto a mercantil como o propio acusado indemnicen conxuntamente á traballadora en 7.382,32 euros polas lesións, secuelas e danos morais.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Crecemento diferente

Unha das dependencias básicas do ser humano é a ecodependencia, que non é outra...

Netflix escolle Vigo para a promoción do ‘Xogo da Lura’

Vigo, a cidade das luces, volve ser protagonista este Nadal, pero desta vez non...

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...

Atascos na A-55 en ambos os sentidos á altura de Mos ao rexistrarse dous accidentes sen feridos

A A-55 volveu a rexistrar longos atascos na mañá deste venres en ambos os...