O Real Club Náutico de Vigo acollerá o domingo da próxima semana, 27 de outubro, a terceira edición da Regata Inclusiva ‘Vigo a Vela’, unha iniciativa que ten por obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a plena inclusión das persoas con discapacidade a través do deporte.
Segundo destacan nun comunicado, na Regata participarán 60 persoas con discapacidade física, sensorial ou intelectual, pertencentes a máis de 10 entidades, como o ONCE, Aspanaex, Discamino, Celta Integra, HC San Rafael, Aspanaex, Aceesca, Fundación Menela, San Xerome, Juan María ou EVD, entre outras.
A bordo de 15 barcos de vela-cruceiro, de propietarios particulares voluntarios, da Escola Naval Militar de Marín e de Sailway, as 60 persoas estarán acompañadas por paralímpicos, como Judith Rodríguez, medalla de bronce de esgrima en París 2024, ou Araceli Menduiña, do equipo español de Piragüismo; ademais dos patróns das embarcacións e de voluntarios.
Tal e como explicou o director da Regata e CEO de MundiNova e QualityNova, Diego Maraña, “coa terceira edición desta regata queremos seguir achegando o noso gran de area para dar visibilidade ás persoas con discapacidade e para favorecer a súa integración social”.
A III edición de Regata Vigo a Vela terá unha duración estimada de máis de tres horas, nas que os veleiros percorrerán unha distancia de 15 millas na Ría de Vigo. Ao finalizar, terá lugar a cerimonia de entrega de trofeos.