InicioEconomíaCampaña do BNG para denunciar a "avalancha" de proxectos eólicos que afectan...

Campaña do BNG para denunciar a “avalancha” de proxectos eólicos que afectan á Serra do Suído

Ao mesmo tempo, o BNG desenvolverá unha serie de accións no ámbito institucional con iniciativas que presentarán para o seu debate no Parlamento galego ademais dos concellos

PUBLICADO O

- Advertisement -

O BNG lanzará unha campaña para denunciar a “avalancha” de proxectos eólicos que afectan á Serra do Suído, nos concellos pontevedreses da Lama, Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén e Redondela.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres na sede local do BNG en Pontevedra, Luís Bará compareceu acompañado de responsables desta formación política nos municipios afectados.

Luís Bará puntualizou que esta “non é unha cuestión local que afecte só a estes concellos” senón que se enmarca nunha “auténtica invasión, “un “espolio” que, ao seu xuízo, é un problema de toda Galicia.

Nesta comparecencia, o BNG puxo o foco no proxecto do parque eólico Hedreira, con 13 aeroxeradores, promovido na Lama, Beariz e Avión por Hedreira Eólica SL.

Tamén no de Coto de Eiras, entre os municipios de Fornelos de Montes e Mondariz, con dez aeroxeradores cunha potencia total de 48 megawatts e impulsado pola empresa Puentengasa; así como nas liñas de media e alta tensión de evacuación da enerxía xerada polos parques eólicos Hedreira I, Ampliación Hedreira I e Coto de Eiras.

Bará denunciou que este modelo que conta co “apoio descarado da Xunta”, á que acusa de favorecer e axilizar estes proxectos, ocultando información á cidadanía e creando unha normativa que “permite a estafa deste modelo espoliador” que, segundo sinalou, está a atopar unha forte resistencia e rexeitamento por parte da sociedade, institucións e os tribunais de xustiza.

Segundo o deputado do Bloque, a acumulación de aeroxeradores excede a capacidade de carga dun territorio está “absolutamente saturado”.

O BNG impulsará unha campaña de recollida de alegacións respecto da afección destes proxectos en relación coa saúde, o valor das terras, as captacións de auga, o impacto paisaxístico, o turismo rural, entre outros aspectos.

Tamén incidirán na “fragmentación fraudulenta” destes proxectos que están “tramitados todos polo mesmo grupo empresarial” que quere así “evadir” unha avaliación ambiental.

Ao mesmo tempo, o BNG desenvolverá unha serie de accións no ámbito institucional con iniciativas que presentarán para o seu debate no Parlamento galego ademais dos concellos.

Finalmente, Luís Bará anunciou unha “campaña de información e sensibilización” con reunións abertas cos veciños afectados e con distintos colectivos co obxectivo de “conseguir que haxa unha mobilización social” que ofreza unha “resposta masiva” en contra destes proxectos para “frear a ofensiva eólica depredadora que ameaza o futuro destes concellos e das persoas que viven neles”.

ÚLTIMAS

Así será a Cabalgata dos Reis Meigos de Vigo: 11 carrozas e moita fantasía

A Cabalgata dos Reis Meigos de Vigo sairá o luns sobre as 18.00 horas...

Vigo repartiu en 2025 máis de 3.500 axudas de emerxencia para atender a 8.870 persoas

O Concello de Vigo outorgou no ano 2025 un total de 3.548 axudas de...

O PP vigués acusa a Caballero de dar un “golpe fiscal” tras pechar 2025 con 200 millóns de remanentes

O grupo municipal do PP en Vigo denunciou o "machadazo fiscal" que levará a...

Vigo apagará as luces de Nadal o 11 de xaneiro e celebra os datos de ocupación

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este venres que o acto de apagado...