O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) elevou a catro anos e nove meses de cárcere a condena a unha muller como autora dun delito continuado de estafa por cobrar a varios prexudicados diversas cantidades en concepto de fianza por falsos alugueres de vivendas en Vigo.
A Sala do Civil e Penal do Alto Tribunal galego rexeita o recurso das defensas pero estima o de Fiscalía, que solicitaba un castigo máis elevado ao entender que os feitos incorrían no agravante de ser unha estafa relacionada coa vivenda.
Na súa argumentación, a sala entende que a xurisprudencia é restritiva na aplicación deste agravante, que si debe entenderse neste caso porque os afectados ían dedicar os pisos polos que adiantaron fianzas como primeiras vivendas.
Desta forma, a pena pasa a ser de dous anos e catro meses a catro anos e noves meses de prisión para a principal responsable duns feitos polos que tamén foi condenado outro acusado como cómplice.
As súas apelacións da sentenza da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, por contra, foron rexeitados a través dunha decisión do Alto Tribunal galego contra a que cabe recurso de casación ante o Supremo.
No fallo facilitado este mércores polo TSXG, a sala rexeita os argumentos da defensa, que puñan en cuestión a veracidade das versións dos denunciantes e aseguraban que os seus representados non actuaron conscientemente para enganar ás súas vítimas.
Así, recalca que “dos feitos probados emana, de forma natural e lóxica a intención previa de engano, ao ser consciente plenamente da ausencia de dispoñibilidade para alugar, e, a igualmente presente ocultación de datos aos contratantes, para lucrarse co importe dunhas reservas sen substrato real algún”.
Desta forma, ratifica as penas impostas na sentenza de abril, na que a Audiencia Provincial aplicou a circunstancia agravante de reincidencia, xa que os dous procesados teñen condenas previas por estafa.
Os feitos ocorreron a partir do ano 2020, cando a acusada acolleu a unha coñecida na súa casa durante o confinamento. Esa persoa tiña débedas de aluguer e a acusada ofreceuse a xestionarlle o aluguer doutra vivenda, para cuxa reserva lle cobrou 400 euros, aínda que a prexudicada nunca puido entrar nesoutro domicilio.
Igualmente, a acusada dedicábase a ofrecer pisos de aluguer en páxinas de Internet. Así, outra persoa prexudicada interesouse por alugar unha vivenda e entregoulle como fianza outros 400 euros, recibindo a cambio un xustificante co membrete dunha inmobiliaria, propiedade do segundo acusado. Esta persoa tampouco puido facer uso da vivenda, xa que a acusada non dispuña dela.
Unha terceira vítima entregou 250 euros como fianza por outro suposto aluguer, que ingresou nunha conta do acusado; noutra ocasión, o prexudicado ingresou á acusada 540 euros; finalmente, outra muller foi enganada e entregou á procesada 1.050 euros (a metade prestados por unha ONG).
A pesar de que, durante o xuízo, os acusados negaron os feitos e apuntáronse mutuamente, a Audiencia deu credibilidade ao relato das testemuñas, e condenounos a ambos.
Ademais das penas de prisión, o tribunal establece que os acusados deberán devolver aos prexudicados as cantidades que lles estafaron.