A entidade financeira Abanca e a Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos do Mar, Conxemar, selaron este martes unha nova alianza para impulsar a XXV edición da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, que se celebrará en Vigo os días 1, 2 e 3 de outubro.
Tal como informou Conxemar nun comunicado, o acordo de patrocinio foi asinado esta mañá en Vigo polo presidente da Asociación, Eloy García, e polo director executivo de Banca Corporativa, Empresas e Pemes de Abanca, Víctor Casal.
“Este convenio súmase á colaboración estable que manteñen desde os seus inicios a Feira Conxemar e a entidade financeira, e ao seu respaldo institucional ao máis alto nivel”, indicaron.
Segundo os asinantes, o texto referenda o compromiso para avanzar na consolidación de Conxemar como unha das feiras internacionais de referencia en Europa para o sector de produtos do mar. De igual maneira, recolle a alianza entre Abanca e o 12º Congreso Internacional Conxemar-FAO, que se celebrará o 30 de setembro na sede de Afundación de Vigo.
“Esta renovada alianza supón un paso máis no marco de colaboración que historicamente manteñen Conxemar e Abanca en favor do crecemento sustentable dun sector estratéxico para o tecido produtivo galego e español como é o da industria pesqueira”, engadiron.
