InicioEconomíaCaballero confirma a cesión á UVigo do edificio Siemens e volve pedir...

Caballero confirma a cesión á UVigo do edificio Siemens e volve pedir á Xunta recursos para urbanizar a ETEA

O goberno galego aprobou urbanizar o ámbito por 12 millóns, pero o Concello rexeita pór os terreos a disposición

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou este venres o seu compromiso de axilizar a cesión, por parte de Zona Franca, do edificio Siemens, na ETEA, á Universidade de Vigo, aínda que recoñeceu que para que estas instalacións e o resto de edificios dese espazo poidan ser utilizados, será necesaria a urbanización do recinto.

Así o trasladou o rexedor tras manter unha reunión “cordial” co reitor da institución académica viguesa, Manuel Reigosa. Tras o encontro, nunhas declaracións remitidas aos medios, o alcalde afirmou que ambos acordaron a entrega á Universidade do edificio Siemens, que é de Zona Franca (organismo que Caballero preside), un trámite que está “pendente dunhas pequenas cuestións”.

Con todo, o alcalde admitiu que para poder facer uso dese e doutros edifios (o Faraday, destinado tamén a investigación para o Campus do Mar da Universidade, ou os inmobles que albergarán unha nova sede do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC) é necesaria a urbanización dos espazos para dar servizo ás novas instalacións.

Nese sentido, de acordo co recollido no convenio subscrito no seu día, a Xunta de Galicia aprobou o proxecto de urbanización, que contempla un investimento de algo máis de 12 millóns de euros pero, para executar as obras, é necesario que o Concello poña a disposición os terreos municipais por onde deben realizarse os traballos de saneamento e abastecemento, galerías de servizo, sistemas de comunicación, conducións de enerxía, etc.

OUTROS ASUNTOS TRATADOS

Por outra banda, explicou Abel Caballero, na reunión co reitor tamén se abordou a posibilidade de que buscar algún espazo na cidade para que a Universidade poida impartir algún dos seus másteres. “Vouno a estudar, vou darlle unha volta, paréceme moi boa idea”.

Igualmente, o alcalde e o reitor abordaron a futura posta en marcha da fábrica de microchips de fotóns que, segundo incidiu Caballero, será “unha revolución” e contará con apoio do Goberno de España. Nese sentido, sinalou que a UVigo ten asignados case 5 millóns “para formación e investigación sobre microchips de fotóns” e que a futura planta viguesa necesitará “persoal para dentro duns anos”. “Foi unha entrevista moi boa para Vigo e para a Universidade, cunha chea de accións que imos tomar de forma inmediata”, concluíu o rexedor.

ÚLTIMAS

A acampada pola vivenda de Vigo retirará as tendas a partir do 15 de novembro

A Acampada pola vivenda de Vigo, asentada desde o 12 de outubro na Alameda,...

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...