Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara a Vigo con 3,8 toneladas de cocaína, e que estes días están a ser xulgados xunto a outras 14 persoas por ese alixo (entre elas, Juan Carlos Santórum), sairán este mércores da prisión da Lama, ao expirar o prazo máximo de 4 anos de prisión preventiva.
Estes acusados, 9 de Nepal e 5 de Bangladesh, foron detidos a bordo do Karar o 25 abril de 2020, cando o barco foi abordado por efectivos de Policía Nacional, Vixilancia Aduaneira e a Armada. A bordo viaxaba tamén un galego, José Manuel B.G., que está en liberdade provisional, e que viaxaba a bordo do Karar coa finalidade de levar o reconto dos fardos de droga, segundo el mesmo recoñeceu.
Tras chegar a terra ingresaron en prisión provisional, situación que se prorrogou ata este mércores. Precisamente estes días está a celebrarse na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, o xuízo por este transporte de droga e estes tripulantes foron os primeiros en declarar.
Todos eles recoñeceron os feitos e admitiron que, cando o Karar saíu de Panamá, a finais de marzo de 2020, xa sabían que ían recoller un cargamento de cocaína (como así sucedeu, a principios de abril fronte ás costas de Colombia) e que o seu destino final era Vigo, tras alijar a droga.
Este mércores saen do cárcere eses 14 tripulantes, aínda que a Audiencia determinou que deberán comparecer quincenalmente en sede xudicial e retirar o pasaporte; ademais, o próximo 14 de maio deberán presentarse na Cidade da Xustiza, para a continuación do xuízo.
Os servizos sociais han tentando buscar aloxamento para estas persoas que non teñen contactos familiares en Galicia nin ningunha rede de apoio máis aló deses servizos sociais de prisión. Os seus propios letrados tratan de buscar unha solución xa que, por motivos relixiosos, rexeitaron as opcións de aloxamento que podían ofrecerlles institucións xestionadas por ordes relixiosas católicas. A isto engádese a barreira do idioma xa que, salvo un deles, que ten algúns coñecementos de español, o resto só comunícanse nas súas linguas ou en inglés.