InicioSociedadeO Concello recorre os 4,6 millóns reclamados polo porto na liquidación do...

O Concello recorre os 4,6 millóns reclamados polo porto na liquidación do convenio Abrir Vigo ao Mar

O diñeiro corresponde coa reparación do peirao e paseo das Avenidas e con obras en Praza da Estrela.

PUBLICADO O

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo acordou este venres rexeitar o requirimento do Porto para abonar 4,6 millóns de euros pola liquidación do convenio Abrir Vigo ao Mar, e que se corresponderían con obras de reparación no paseo das Avenidas, nunha parte do peirao desa zona (un tramo que se afundiu durante a celebración do Marisquiño 2018), e obras na Praza da Estrela.

A liquidación deste convenio, asinado entre Concello, Porto e Zona Franca en 1992, comezou a tramitarse despois dos litixios entre a administración municipal e a portuaria a raíz do accidente do Marisquiño, nos que ambas as partes se responsabilizaban do mantemento da parte do paseo que colapsou, con arranxo a ese convenio dos anos 90.

Finalmente, os tribunais deron a razón ao Porto e estableceron que foi o Concello o que incumpriu as súas obrigacións de mantemento. O Supremo ratificou que había razóns para liquidar o convenio polo incumprimento municipal.

En setembro de 2019, a Autoridade Portuaria deu por resolto o convenio e iniciou o camiño para a liquidación, asumindo as reparacións por motivos de seguridade. En setembro de 2023 iniciouse o expediente de liquidación e realizouse un requirimento ao Concello para que pagase eses 4,6 millóns de euros polas obras realizadas (3,3 millóns na reparación do peirao voado, 1,2 millóns na reposición de lousas das Avenidas e uns 32.000 euros en arranxos na Praza da Estrela).

Pero o Concello presentou alegacións, ao considerar que non debe asumir ese custo. Con respecto ao peirao afundido no Marisquiño, desde a administración municipal se asegura que xa estaba en estado de “ruína” cando se asinou o convenio Abrir Vigo ao Mar e que foi unha “neglixencia” pola disposición de Zona Franca para facer as obras recollidas no devandito convenio, tal e como se desprende dun ditame elaborado por un catedrático (no marco da causa xudicial aberta tras o accidente).

Por outra banda, alegou que os danos das lousas das Avenidas teñen a súa orixe no tráfico pesado que vai aos peiraos, e non no uso peonil do paseo, por tanto a súa reparación é responsabilidade do Porto. Finalmente, rexeita tamén pagar obras en Praza da Estrela, xa que, na data na que se deu por resolto o convenio, a praza se topaba en perfecto estado.

EXPEDIENTE CADUCADO

O Concello sostén que, tras a presentación das alegacións, non volveu ter noticias do Porto e non se lle notificou ningunha resolución definitiva, polo que considera que o expediente caducou e debe incoarse outro, que teña en conta as súas argumentacións.

O 4 de marzo pasado o Concello recibiu requirimento do Porto para proceder ao pago dese diñeiro e este venres a Xunta de Goberno acordou inadmitilo. Así mesmo, “como cautela”, acordou a interposición de recurso contencioso-administrativo contra ese requirimento.

ÚLTIMAS

O Sergas anuncia a intervención pública do servizo de ambulancias de Vigo, Moaña e Cangas

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou que se iniciaron os trámites para intervir,...

Vigo, a cidade con menor suba de afiliados á Seguridade Social en marzo

Os afiliados á Seguridade Social subiron en marzo nas sete cidades galegas, con Ferrol á...

O PP de Vigo pedirá un pleno extraordinario sobre o AVE Vigo-O Porto tras o rexeitamento do PSOE a unha moción urxente

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo promoverá un pleno extraordinario para instar o Goberno de España...

Queiman un coche de forma intencionada en Redondela

Axentes da Policía Local de Redondela e da Policía Nacional acudiron na madrugada deste...