InicioSociedadeO Concello aproba a modificación do proxecto de accesos a Vialia desde...

O Concello aproba a modificación do proxecto de accesos a Vialia desde a AP-9

E defende a súa legalidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este luns a segunda modificación do proxecto de acceso ao complexo Vialia desde a autoestrada AP-9, que supón un incremento de 2,1 millóns de euros no investimento previsto, debido ás complicacións xurdidas pola aparición de terras contaminadas cando se iniciaron os traballos.

Fontes do goberno vigués explicaron que “as novas conexións mellorarán substancialmente a accesibilidade ao centro comercial”, xa que se poderá entrar directamente desde a autoestrada, e tamén se dará acceso directo aos peiraos de carga e descarga de Vialia, sen necesidade de utilizar as vías urbanas.

O goberno municipal informará o acordo deste luns á comisión de seguimento do convenio asinado entre Concello, Xunta e Adif para a realización dos accesos ao complexo intermodal e as obras complementarias. “As tres administracións implicadas aprobaron a ‘addenda’ ao convenio que recolle o novo investimento”, matizaron fontes municipais, que insistiron en que os cambios veñen provocados pola aparición de terras contaminadas “que non estaban previstas no proxecto inicial”.

“A necesidade de abordar a xestión dos residuos e os axustes derivados da execución dos traballos xeraron novos gastos por causas sobrevindas obxectivas, como quedou acreditado nos informes xurídicos emitidos por Adif a requirimento do Concello de Vigo”, subliñou o goberno local, que defendeu a legalidade da súa actuación na modificación deste contrato, despois de que esta fose cuestionada nun informe preceptivo (non vinculante) do Consello Consultivo de Galicia.

Respecto diso, fontes municipais insistiron en que, a maiores, “elaborouse outro informe xurídico que avala a continuidade do contrato”. “Para aumentar a garantía xurídica se contgrató ao especialista en Dereito Administrativo, Tomás Ramón Fernández, que en decembro de 2023 emitiu un ditame que avalou as teses municipais”, destacaron desde o goberno vigués.

MODIFICACIÓN DO PROXECTO

O proxecto para realizar as conexións do complexo Vialia coa autoestrada AP-9 adxudicouse por parte do goberno vigués en outubro de 2019 á UTE Acciona-Narom por 9,2 millóns de euros. En xullo de 2021 aprobouse unha primeira modificación, que rebaixou moi lixeiramente o prezo.

En novembro de 2021, a dirección da obra solicitou unha segunda modificación do proxecto, tras a aparición de terras contaminadas no subsolo. As actuacións ante esta eventualidade non previsible supoñen un encarecemento duns 2 millóns de euros con respecto ao orzamento inicial (case un 23 %).

O Consello Consultivo ditou un informe desfavorable no que, entre outras cuestións, reprocha ao Concello que non suspendese temporalmente as obras antes de solicitar o seu ditame, ou que o incremento do prezo do contrato foi abonado á UTE “a pesar de carecer de cobertura legal”, porque a modificación non está aprobada, “incorréndose por tanto nunha ilegalidade manifesta”.

Os servizos xurídicos municipais expresaron a súa desconformidade con ese informe do Consello Consultivo, ao que atribúen unha errónea interpretación da norma con respecto ás condicións de suspensión temporal das obras. Así mesmo, estes técnicos do Concello defenden a necesidade de concluír as obras polos prexuízos que causa o feito de que non estean rematados eses accesos, tanto para o funcionamento do propio complexo intermodal, como para o tráfico das inmediacións.

Entre outras cuestións, tamén sosteñen que a modificación do proxecto deriva dunha situación que non se podía preveer (a aparición de terras contaminadas) e que, en calquera caso, a redacción do mesmo correu a cargo de Adif.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...