InicioSucesosDecretado o ingreso en prisión do home detido pola súa suposta vinculación...

Decretado o ingreso en prisión do home detido pola súa suposta vinculación co crime da maleta

O detido, condenado en dúas ocasións, saíra de prisión hai algo máis dun ano tras cumprir unha condena de 17 anos e medio de cárcere

PUBLICADO O

- Advertisement -

O maxistrado do xulgado de instrución número 4 de Vigo acordou este venres o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do home que foi detido nas últimas horas pola súa suposta vinculación coa aparición do cadáver dunha muller no interior dunha maleta, hai unha semana na cidade olívica.

Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a instrución séguese por uns feitos que se cualificaron provisionalmente como homicidio ou asasinato, pendente de ulterior cualificación. As actuacións foron declaradas secretas.

A detención do sospeitoso foi levada a cabo nas últimas horas por parte da Policía Nacional e fontes coñecedoras das actuacións confirmaron que se trata de José Manuel Durán ‘O Chioleiro’, coñecido das forzas de seguridade, e que foi condenado en dúas ocasións anteriores, por matar á súa avoa en 1988 e polo asasinato dunha veciña da Lama en 2004.

De feito, o home saíu de prisión hai algo máis dun ano tras cumprir unha condena de 17 anos e medio de cárcere por matar á súa veciña, e a súa última detención produciuse poucos días despois, por quebrantar unha orde xudicial que lle impedía achegarse á localidade da Lama.

INVESTIGACIÓN

O xoves da semana pasada foi localizada nunha leira abandonada da rúa Espedrigada de Vigo unha maleta, envolta en plástico de embalar como o que se usa coas equipaxes nos aeroportos, e en cuxo interior se atopaba o cadáver dunha muller, en avanzado estado de descomposición. A autopsia posterior revelou que o corpo presentaba unha puñalada mortal.

Días despois, produciuse un rexistro nunha vivenda da rúa Fragoso, moi preto de onde se produciu o achado da maleta, e os investigadores levaron varias mostras e efectos. Nese piso, o home detido aloxouse nunha habitación de aluguer coa súa parella hai meses e, aínda que á muller se lle perdeu a pista no verán, o sospeitoso continuou vivindo alí algún tempo máis.

A partir de aí, comezou a procura para tratar de localizar o paradoiro deste home que alugou o cuarto xunto á muller, cuxas características serían compatibles co corpo achado na maleta.

Con todo, os investigadores continúan as xestións para tratar de identificar á vítima da maleta, mediante métodos de recuperación de pegadas e análises de ADN, porque o corpo se atopa tan deteriorado que ata o de agora foi imposible a identificación.

ÚLTIMAS

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...

A sentenza pola explosión de Páramos fixa indemnizacións por máis de 9 millóns e 4 anos de cárcere para o acusado

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 4 anos de prisión a Francisco...